Besteiro alerta da “emerxencia silenciosa” en saúde mental, “con seis meses de espera e un sistema público que non chega”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou este domingo en Ourense da existencia dunha verdadeira “emerxencia silenciosa” na saúde mental en Galicia, cun sistema público saturado e ata seis meses de espera para recibir atención especializada.
Durante a clausura da xornada “A necesidade de atender a saúde mental”, dentro do ciclo “Diálogos con raíz”, Besteiro denunciou que a falta de resposta por parte da Xunta obriga a moitas familias a recorrer á sanidade privada, convertendo un dereito básico “nun privilexio para quen poida pagalo”.
Besteiro acusou ao Goberno galego de ocultar este problema durante anos por falta de vontade política e subliñou que “non se pode seguir mirando para outro lado”. Asegurou que existen solucións e profesionais preparados para abordar esta crise, sempre que se dote ao sistema dos recursos humanos e materiais necesarios.
Acompañado pola secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ourense, Natalia González Benéitez, o líder socialista participou nun coloquio no que tamén interviñeron o psiquiatra David Simón, a enfermeira especialista e divulgadora Belinda Insua, e o actor Elisardo de la Cruz, creador da obra Esas cousas marabillosas, centrada no estigma da saúde mental.
No transcurso do acto destacáronse cifras preocupantes: o 27 % da poboación galega está en risco de sufrir problemas de saúde mental, con maior incidencia nas mulleres, e o consumo de psicofármacos aumentou máis dun 50 % nos últimos anos.
Besteiro reiterou que a atención á saúde mental non pode depender do poder adquisitivo, senón que debe ser un dereito garantido polo sistema público de saúde.