Besteiro carga contra a moción de censura en Lugo e asegura que o PP “non pode mercar a cidade"

O líder do PSdeG cualifica a manobra de “indigna e inmoral” e reivindica o apoio cidadán tras a concentración celebrada na Praza Maior
reunión-PSdeG
25 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de “operación indigna e inmoral” a moción de censura coa que o Partido Popular pretende retirar a Alcaldía de Lugo aos socialistas co apoio dunha edila non adscrita. O dirixente socialista advertiu ademais de que esa iniciativa “non vai ter éxito” porque, ao seu xuízo, non poden “mercar a cidade”.

Besteiro realizou estas declaracións ante os medios durante un acto sobre sanidade celebrado en Ourense, un día despois de que máis de 2.000 persoas enchesesen a Praza Maior de Lugo na mobilización convocada baixo o lema “Democracia si, transfuguismo non”.

A protesta, promovida pola plataforma cidadá Transfuguismo Non, Democracia Si, reuniu tamén alcaldes e alcaldesas da provincia, ás rexedoras da Coruña e Santiago, así como representantes de entidades sociais e culturais lucenses.

Tras 27 anos de goberno socialista en Lugo, o Partido Popular busca recuperar a Alcaldía nun pleno extraordinario convocado para o vindeiro 7 de maio. Se prospera a moción de censura, a portavoz popular Elena Candia converterase na nova alcaldesa dunha cidade que os populares non gobernan dende 1999.

O líder socialista trasladou o seu recoñecemento aos “miles de veciños de Lugo, e tamén de fóra de Lugo” que participaron na concentración en defensa da democracia. Tamén tivo palabras de recordo para os tres integrantes do grupo municipal socialista falecidos durante este mandato: a alcaldesa Paula Alvarellos e os concelleiros Pablo Permuy e Olga López.

Esas tres vacantes no grupo socialista propiciaron a entrada de María Reigosa, que herdou a acta tras o falecemento de Permuy e que agora, xa fóra do partido, comprometeu o seu apoio ao PP para desaloxar do goberno local a Miguel Fernández.

“Foi un día para dicirlle ao Partido Popular alto e claro que esa operación indigna e inmoral de moción de censura, apoiándose nunha tránsfuga, non vai ter éxito”, afirmou Besteiro.

De cara ás próximas eleccións municipais, engadiu que “dentro dun ano volvémonos a ver, e volverá outra vez un goberno das boas persoas, un goberno democrático respaldado pola inmensa maioría dos veciños e das veciñas”, antes de remarcar que “en política non todo vale”.

0.33182692527771