Besteiro chama desde Barcelona a frear a ultradereita e reforzar os dereitos sociais

O líder do PSdeG participou nun encontro internacional da esquerda e reivindicou respostas globais para problemas como a vivenda ou a sanidade.
Valoración-orzamentos-Xunta-PSOE-Besteiro
20 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou este domingo desde Barcelona a “frear á ultradereita, combater de raíz a desigualdade, blindar os dereitos, defender o público e impulsar unha transición verde xusta”.

Besteiro participou esta fin de semana na Global Progressive Mobilisation, un foro que reuniu a líderes progresistas de todo o mundo co obxectivo de avanzar nunha “fronte común con obxectivos claros” para afrontar os retos actuais.

Durante o encontro, o líder socialista mantivo contactos con figuras destacadas do pensamento progresista como a economista Mariana Mazzucato e Gabriela Ramos.

“Falamos de democracia, de dereitos e de cohesión social. Ou avanzamos, ou retrocedemos. Aquí non hai grises”, afirmou Besteiro, quen animou á esquerda a actuar “sen complexos” e a reivindicar os seus valores. “Somos socialistas, pacifistas, ecoloxistas e feministas, e reivindicámolo con orgullo”, engadiu.

O secretario xeral do PSdeG subliñou que os debates abordados en Barcelona teñen unha aplicación directa en Galicia. “As respostas que se deron neste espazo internacional son as mesmas que precisamos na nosa casa”, sinalou, en referencia a cuestións como o acceso á vivenda, a defensa da sanidade pública ou a falta de oportunidades para a mocidade.

Neste sentido, insistiu en que “son as mesmas batallas que libramos cada día” e destacou a importancia de que Galicia participe neste tipo de foros internacionais.

Finalmente, Besteiro apuntou á necesidade de fortalecer alianzas internacionais para abrir novas oportunidades de cooperación que beneficien á comunidade galega.

0.28889203071594