Besteiro defende ante a emigración en Arxentina e Uruguai os dereitos da Lei de Netos

O secretario xeral do PSdeG reivindicou o recoñecemento da nacionalidade dos descendentes da emigración como un acto de xustiza e reparación "fronte a un PP que pretende tratalos como cidadáns de segunda"
besteiro-emigracion-arxentina-e-uruguai
24 Jul 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reafirmou ante a emigración galega de Arxentina e Uruguai o compromiso socialista de impedir calquera retroceso nos dereitos conquistados coa Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos.

“Estes dereitos non son unha concesión nin un privilexio: son unha reparación. Non se pode apelar á emigración para pedirlle o voto ou celebrar a súa galeguidade e, ao mesmo tempo, cuestionar os dereitos dos seus fillos, fillas, netos e netas”, destacou.

Besteiro advertiu que Galicia ten unha débeda de memoria e de xustiza coa súa diáspora. “E fronte a quen pretende cuestionala, os socialistas seremos a garantía de que non se dea nin un paso atrás”, subliñou tras manter diversos encontros coa colectividade galega nos dous países.

Besteiro lamentou que o PP de Feijóo e Rueda se sumasen á ofensiva de Vox contra esta norma, que é moi garantista, sementando dúbidas sobre os dereitos xa recoñecidos. “Cuestionar esta lei significa darlles as costas á memoria e ao sacrificio de milleiros de familias galegas e pretender tratar os seus descendentes como cidadáns de segunda”, afirmou.

“Estamos falando de devolverlles un dereito a quen tivo que abandonar o seu fogar por causa do exilio, da ditadura ou das dificultades económicas, e tamén ás mulleres discriminadas durante décadas por unha lexislación que as marxinou», explicou.

Durante a súa viaxe, Besteiro, acompañado do senador César Mogo, reuniuse coa colectividade galega no Centro Betanzos de Bos Aires e mantivo diferentes encontros en Montevideo. Tamén participou na cea semanal do Centro Pontevedrés da capital uruguaia, acompañado pola presidenta do Consello de Residentes Españois. Nos próximos días continuará estas xuntanzas con entidades e familias da diáspora. E celebrará xunta a elas o Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo, onde intervirá na festa tradicional socialista en Rianxo desde Bos Aires.

O secretario xeral do PSdeG explicou que boa parte da súa axenda está centrada en escoitar de primeira man as demandas das emigración. “Atopamos moitas familias felices por ver cumprida, por fin, unha demanda histórica dos seus avós e avoas. Son persoas ás que se lles recoñece un vínculo que sempre mantiveron vivo, aínda que durante moitos anos a lei non o recoñecese como un dereito», salientou.

Besteiro puxo en valor o papel dunha emigración que non só nunca rompeu os seus vínculos con Galicia, senón que contribuíu decisivamente a construíla desde o exterior. Por iso, defendeu unha Galicia exterior “con dereitos, oportunidades e capacidade real para participar na construción do futuro do país”.

0.31854295730591