Besteiro defende desde Bos Aires a emigración "que axudou a construír Galicia"

O secretario xeral do PSdeG propón no Día Nacional de Galicia un novo salto no autogoberno cun Estatuto que blinde dereitos como a vivenda, a sanidade, a educación: “Non podemos resignarnos a unha nova emigración da mocidade”
DiaDeGalicia-besteiro-bos-aires
25 Jul 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este Día Nacional de Galicia o papel decisivo da emigración na construción do país e advertiu de que os socialistas defenderán con firmeza os dereitos recoñecidos aos seus fillos, fillas, netos e netas a través da Lei de Memoria Democrática.

Besteiro pronunciou desde o Centro Galicia de Bos Aires unha mensaxe conectada co acto tradicional do PSdeG en Rianxo, vila natal de Castelao, na que uniu as dúas beiras do Atlántico e situou a Galicia exterior no centro do presente e do futuro do país. “A emigración, que axudou a construír Galicia e a manter viva a nosa identidade no exterior, non se toca. Quen ataca a Lei de Netos ataca a nosa historia”, proclamou.

O líder socialista lembrou que Bos Aires foi durante décadas unha das grandes capitais culturais e políticas de Galicia e que, cando na terra non se podía falar con liberdade, foron os galegos e as galegas do exterior quen conservaron a lingua, a cultura, a memoria democrática e a esperanza no autogoberno.

“Galicia sobreviviu, soñou e avanzou dentro das súas fronteiras, pero tamén desde América. Marcharon, pero nunca se foron de todo”, afirmou Besteiro, quen recordou que foi en Bos Aires onde Castelao pronunciou, o 25 de xullo de 1948, a súa histórica Alba de Groria.

Besteiro salientou que miles de homes e mulleres partiron con moi pouco, traballaron arreo e contribuíron a construír países como Arxentina e Uruguai, sen deixar de axudar as súas familias, as súas aldeas e a propia Galicia. “Galicia sería outra sen a emigración. Débelle unha parte esencial do que foi, do que é e do que poderá chegar a ser”, asegurou.

“Non é unha concesión: é un dereito”

O secretario xeral do PSdeG defendeu a coñecida como Lei de Netos como unha medida de xustiza e reparación histórica, fronte aos intentos da dereita e da extrema dereita de cuestionar a nacionalidade dos descendentes da emigración e do exilio.

“Non é unha concesión nin un pasaporte regalado. É un dereito que estamos recoñecendo e facendo realidade para tantos netos e netas e para emoción de tantos avós e avoas”, explicou.

Besteiro rexeitou con firmeza a campaña do PP facendo seguidismo a Vox contra o dereito á nacionalidade dos descendentes. Neste sentido, acusou a Feijóo de atacar unha conquista histórica e reprochoulle a Rueda que, “posto a escoller entre defender a emigración galega ou someterse a Feijóo, volvese escoller a Feijóo”. “Avergóñanos que coas súas declaracións e cos seus silencios, desprece aos emigrantes e a todas as familias que os viron partir e que non entenden que sexan tratados como cidadáns de segunda”.

“É posible que Feijóo coñeza emigrantes, pero non os entende, non os respecta nin os defende. O que merecen os emigrantes son responsables políticos que estean ao seu lado. E para iso estamos os socialistas”, afirmou.

Besteiro comprometeu a “fortaleza e a firmeza” do PSdeG para garantir que a lei continúe aplicándose e que ningún cambio político poida arrebatarlles aos descendentes da emigración os dereitos xa conquistados. “Ninguén ten dereito a quitarlles o que lles pertence. E nós non o imos permitir”, sentenciou.

Un Estatuto que blinde os dereitos

Na súa intervención, Besteiro tamén defendeu que o Día Nacional de Galicia non debe servir unicamente para lembrar de onde vimos, senón tamén para decidir cara a onde queremos avanzar. Por iso propuxo abrir unha nova etapa no autogoberno galego mediante a reforma do Estatuto de Autonomía.

“Galicia necesita un novo salto no seu autogoberno: máis competencias, máis recoñecemento político e máis capacidade para decidir. Pero máis autogoberno só ten sentido se serve para gobernar mellor e para mellorar a vida da xente”, explicou.

O secretario xeral do PSdeG propuxo que o novo Estatuto blinde dereitos fundamentais como a vivenda, a sanidade, a educación e a atención á dependencia, para evitar que queden condicionados pola vontade de cada goberno.

“Autogoberno significa garantir que unha persoa sexa atendida a tempo na sanidade pública, viva onde viva. Significa que a educación abra todas as portas, con independencia do código postal ou da renda familiar. Significa coidar as persoas dependentes e apoiar as súas familias”, afirmou.

Tamén defendeu que Galicia aproveite as posibilidades dun novo modelo de financiamento autonómico para reforzar os servizos públicos, reducir a débeda e ampliar a súa capacidade política e económica.

Fronte a esta posición, acusou o PP de sacrificar os intereses de Galicia por “cálculos partidistas e pola obediencia cega de Rueda a Feijóo”. “Galicia non necesita máis vitimismo nin máis confrontación estéril. Necesita un bo goberno que negocie, que consiga recursos, que asuma responsabilidades e que transforme o país”, sinalou.

A vivenda como quinto piar do benestar

Besteiro situou a vivenda como unha das prioridades fundamentais desa nova etapa política e propuxo recoñecela como o quinto piar do Estado do benestar, xunto coa sanidade, a educación, as pensións e a dependencia.

“A vivenda non é unha mercadoría máis. É un dereito. E non hai futuro digno cando a mocidade non pode emanciparse nin formar un proxecto de vida na súa propia terra”, declarou.

O secretario xeral avanzou que os socialistas reformarán a Lei de Vivenda de Galicia para garantir que toda vivenda protexida conserve para sempre a súa función social e para converter o alugueiro accesible nunha prioridade real.

“O que se constrúe co esforzo colectivo debe permanecer ao servizo de todos. Nin un só euro público debería acabar alimentando a especulación”, defendeu.

Besteiro advertiu de que Galicia non pode resignarse a que unha nova xeración teña que marchar por falta de oportunidades, de emprego digno ou de vivenda.

Un galeguismo aberto e integrador

O líder socialista reivindicou tamén un galeguismo “fresco, plural, feminista e aberto”, ligado á defensa da lingua, dos servizos públicos, da igualdade e do territorio.

“Non queremos un galeguismo que levante muros, que exclúa ou que reparta carnés de pureza. Non queremos facer o mundo máis pequeno. Queremos facer Galicia máis grande”, proclamou.

Besteiro defendeu unha Galicia orgullosa da súa identidade e capaz de dialogar con España, con Europa e con América, convencido de que a identidade galega “non debe ser unha fronteira, senón unha ponte”.

“Unha ponte entre xeracións, entre quen quedou e quen marchou, entre Galicia e a súa diáspora. Unha ponte feita de historia, afecto e futuro”, afirmou.

O secretario xeral do PSdeG pechou a súa intervención lembrando as persoas que mantiveron abertas as casas de Galicia, conservaron os arquivos, os libros, os cadros, a música e os bailes, e transmitiron aos seus descendentes que Galicia non era só o lugar do que partira a súa familia, senón unha comunidade á que sempre podían regresar.

“Non se lle poden poñer portas ao mar. Tampouco se lle poden poñer fronteiras ao sentimento de pertenza dun pobo que aprendeu a vivir nas dúas beiras do Atlántico”, concluíu.

Besteiro desexou que este 25 de xullo represente “unha nova Alba de Groria: o amencer dun país máis xusto, máis libre, orgulloso de si mesmo e aberto ao mundo; un país que sabe de onde vén e que non ten medo de decidir cara a onde quere ir”.

No acto, que incluíu a tradicional ofrenda floral ante o busto de Castelao no paseo rianxeiro, interviñeron tamén a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz socialista no Concello de Rianxo, Óscar Rial, e a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Ana Alvite.

Todos coincidiron en reivindicar unha Galicia aberta e con servizos públicos fortes, na que os dereitos non dependan do lugar onde se nace.

0.27318000793457