Besteiro defende en Ferraz que 'non hai equidistancia posible' fronte ás dereitas

O secretario xeral do PSdeG encabezou a delegación galega no Comité Federal do PSOE, no que se aprobou o novo Regulamento Federal e se fixou o calendario electoral
BESTEIRO comité federal
27 Jun 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado en Madrid no Comité Federal do PSOE, celebrado na sede de Ferraz, onde advertiu de que 'non hai equidistancia posible' fronte a quen, segundo afirmou, leva anos intentando conseguir fóra das urnas o que non acadou nelas.

Besteiro encabezou a delegación galega, formada por arredor dunha vintena de dirixentes socialistas, nunha reunión centrada no reforzo da organización, na preparación do próximo ciclo electoral e na aprobación dun novo Regulamento Federal de transparencia.

O líder do PSdeG situou o encontro nun contexto de forte presión política e acusou ás dereitas de impulsar unha campaña contra o Goberno central que, ao seu xuízo, cruzou límites que non deberían superarse nunha democracia.

Besteiro tamén apelou á súa experiencia persoal para defender a presunción de inocencia e advertir contra o que considera operacións de desgaste político. Nese sentido, sinalou que Galicia xa viviu antes estratexias que agora, segundo dixo, se reproducen no conxunto do Estado.

O secretario xeral dos socialistas galegos reivindicou ademais o balance dos últimos oito anos de gobernos progresistas, que vinculou con máis emprego, máis dereitos, maior protección social e mellor convivencia.

0.35002493858337