Besteiro defende máis presenza do audiovisual galego nas plataformas televisivas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a deputada e responsable de Cultura do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Longueira, mantiveron unha xuntanza de traballo coa Academia Galega do Audiovisual, encabezada pola súa presidenta, a actriz Lucía Veiga, á que asistiron tamén o produtor e membro da directiva Xosé Manuel Barreira e o artista audiovisual Miguel Mariño.
No encontro, ambalas dúas partes coincidiron na necesidade de que o audiovisual galego teña unha maior presenza nas plataformas televisivas, tanto nas de ámbito estatal como na autonómica, e analizaron de que xeito se pode apoiar tamén a internacionalización das producións galegas, mellorando a súa difusión e distribución fóra de Galicia. Trátase, sinalou Besteiro, dun sector estratéxico "que demostrou que pode competir con calquera", cunha xeración de profesionais que acumula recoñecementos dentro e fóra do país e que achega xa arredor do 2% do PIB galego.
O secretario xeral socialista expresou o apoio do PSdeG ás demandas trasladadas pola Academia e comprometeu o respaldo do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, onde os seus deputados e deputadas defenderán as iniciativas necesarias para que o talento audiovisual galego conte con máis canles de exhibición e cun apoio institucional á altura. Besteiro ofreceuse ademais a exercer de interlocutor do sector ante o Goberno de España. "Galicia produce cine e televisión do máximo nivel. O que falta non é talento, é vontade política para que ese talento chegue a todas as pantallas", afirmou.
Pola súa banda, Silvia Longueira puxo en valor o papel do audiovisual como industria cultural de primeira orde e como vehículo de proxección da lingua e da identidade galegas. A deputada avanzou que o Grupo Socialista trasladará ao Parlamento de Galicia as necesidades expresadas polo sector, con iniciativas orientadas a reforzar o seu tecido produtivo e a súa presenza nos mercados. "O audiovisual galego é hoxe unha das mellores tarxetas de presentación deste país. Coidalo é coidar a nosa cultura, pero tamén o emprego cualificado e a economía que xera", sinalou.
A xuntanza coa Academia Galega do Audiovisual enmárcase na rolda de contactos que o PSdeG está a manter cos sectores culturais e creativos do país, e ambas as partes acordaron manter aberta unha vía de traballo estable para avanzar nas cuestións tratadas na xuntanza.