Besteiro estreita relacións coas forzas de esquerdas na súa visita a Uruguai

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estreitou durante a súa estadía no Uruguai os vínculos entre as forzas de esquerda galegas e latinoamericanas, co fin de avanzar nunha axenda política compartida, a través dunha rolda de encontros con representantes do Goberno, do partido que o sustenta e do socialismo uruguaio.
Besteiro mantivo reunións co presidente do Frente Amplio, Fernando Pereira; coa vicepresidenta da República, Carolina Cosse; co vicepresidente da Internacional Socialista, Rafael Michelini, e co secretario xeral dos socialistas de Uruguai, Pablo Oribe.
Estas xuntazas, nas que estivo acompañado polo senador do PSdeG César Mogo, permitiron abordar os desafíos políticos, económicos e sociais aos que se enfrontan Europa e América Latina, así como a necesidade de reforzar a colaboración entre as formacións progresistas. Neste senso, compartiron o obxectivo de que “a esquerda debe ser capaz de combinar o crecemento económico coa protección social e o repartimento da riqueza”, defenderon.
Os líderes puxeron en valor as políticas dos gobernos de Pedro Sánchez e Yamandú Orsi nesta dirección. Besteiro defendeu que “só desde a unidade das esquerdas europeas e latinoamericanas será posible construír unha alternativa democrática e maioritaria fronte á onda reaccionaria”.
Durante as reunións, os participantes compartiron a súa preocupación pola expansión da extrema dereita e pola súa capacidade para arrastrar a dereita tradicional cara aos seus postulados. Besteiro puxo como exemplo o discurso de Vox asumido polo PP sobre a chamada Lei de Netos, pedindo a súa derrogación.
Fronte a esta evolución, se reivindicou unha resposta progresista coordinada, baseada na defensa da democracia, dos dereitos sociais, da convivencia e da igualdade.
Os encontros abordaron tamén o papel fundamental da colectividade galega no Uruguai, ponte humana, cultural e histórica entre ambas as realidades. Neste contexto, Besteiro defendeu o recoñecemento da nacionalidade aos descendentes da emigración como “un acto de xustiza e de reparación histórica”. “Dicir que o pasaporte se regala, que se trata dun outorgamento discrecional, como afirma Feijóo, é un ataque e un insulto á memoria das galegas e dos galegos que se viron obrigados a emigrar”, incidiu.
Besteiro e os representantes da esquerda uruguaia expresaron tamén a súa vontade de intensificar a colaboración entre o PSdeG e o Frente Amplio mediante o intercambio de experiencias, iniciativas políticas e boas prácticas de goberno.
Nas conversas estivo igualmente presente o legado político e humano de José ‘Pepe’ Mujica, reivindicado como un referente moral da esquerda internacional pola súa coherencia, a súa austeridade e o seu compromiso permanente coa xustiza social e cos sectores máis vulnerables.