Besteiro inicia a rolda de contactos en Bos Aires cunha reunión co Goberno de Kicillof para frear a extrema dereita

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse no seu primeiro día en Arxentina co ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, Carlos Bianco. No encontro, ambos abordaron a necesidade de reforzar a cooperación internacional entre forzas progresistas para defender os dereitos sociais, protexer os servizos públicos e facer fronte ao avance da extrema dereita.
Bianco é un dos principais dirixentes do Goberno de Axel Kicillof, convertido nun dos maiores contrapuntos políticos ao actual executivo de ultradereita.
Durante a reunión analizaron o impacto social e económico das políticas de Javier Milei nun país onde viven máis de 180.000 mil galegos emigrantes e os seus descendentes. O Goberno bonaerense vén alertando do recorte de recursos por parte do Estado, da paralización de obras e dunha deterioración dos servizos que xa dificulta o acceso de moitas persoas á sanidade, aos medicamentos, á educación e ás políticas de protección social.
Besteiro, acompañado por César Mogo, senador e secretario de Exterior da Comisión Executiva Federal do PSOE, sinalou que Galicia e a provincia de Bos Aires comparten “unha mesma convicción: os gobernos non poden mirar para outro lado cando a cidadanía atravesa dificultades, senón que deben garantir dereitos, ofrecer protección e crear oportunidades”.
Os dous dirixentes analizaron ademais as posibilidades de cooperación económica entre Galicia e a provincia de Bos Aires, así como o papel de América Latina e do Mercosur na construción dun modelo de desenvolvemento máis equilibrado, baseado na integración rexional, na industria, no coñecemento e na creación de emprego de calidade.
O líder dos socialistas galegos defendeu que Galicia pode actuar como ponte entre Europa e América Latina e aproveitar os vínculos históricos e humanos coa Arxentina para abrir novas oportunidades nos ámbitos industrial, científico, universitario e comercial.
Tras a reunión con Carlos Bianco, Besteiro visitou a sede da Agrupación do PSOE na Arxentina, onde mantivo un encontro coa militancia para falar da situación política nos dous países e coñecer de primeira man as principais preocupacións da colectividade española.
O secretario xeral do PSdeG agradeceu o traballo das agrupacións no exterior e reivindicou o seu papel como espazos de participación, defensa dos valores democráticos e vínculo permanente con Galicia e con España.
A xornada continuou no Centro Betanzos de Bos Aires, onde Besteiro se reuniu con descendentes da emigración galega. Besteiro reafirmou o compromiso dos socialistas coa Galicia exterior e salientou que as persoas descendentes da emigración “non son só parte da nosa memoria, senón tamén do presente e do futuro de Galicia”.
O Centro Betanzos é unha das entidades galegas con maior actividade en Bos Aires, tanto na promoción da cultura como na defensa dos dereitos da colectividade.