Besteiro participa en Barcelona na maior cita progresista internacional fronte ao avance da ultradereita

O líder do PSdeG asiste á Global Progressive Mobilisation, que reúne a máis de 3.000 participantes e líderes mundiais.
Besteiro
17 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participará esta fin de semana en Barcelona na Global Progressive Mobilisation (GPM), considerada a maior cita da socialdemocracia internacional do que vai de século.

O encontro, que se celebra os días 17 e 18 de abril na Fira Gran Via, reunirá a máis de 3.000 participantes, entre eles oito xefes de Estado e de Goberno, así como representantes de máis de 100 partidos, sindicatos e organizacións sociais de todo o mundo.

A cita está impulsada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xunto con líderes internacionais como Lula da Silva, e conta coa participación de figuras destacadas como Claudia Sheinbaum, Gustavo Petro, Cyril Ramaphosa ou Mia Amor Mottley, ademais de representantes das institucións europeas.

Durante a súa estancia, Besteiro manterá encontros con dirixentes do socialismo europeo e internacional, nun foro que busca coordinar respostas progresistas fronte aos principais retos democráticos globais, como a desinformación, o avance dos discursos de odio ou a defensa dos dereitos humanos.

O líder dos socialistas galegos destacou a importancia de que Galicia estea presente neste tipo de espazos, sinalando que “o que está en xogo é o futuro das nosas democracias”. Neste sentido, advertiu de que fenómenos como a polarización ou a difusión de discursos excluíntes tamén teñen impacto na realidade galega.

“Fronte ao odio, máis democracia; fronte á desinformación, máis verdade; e fronte á perda de dereitos, máis socialismo”, afirmou Besteiro, resumindo a posición que defenderá no encontro.

A igualdade será un dos eixos centrais da cita, con especial atención ao papel das mulleres e ao impacto das políticas sociais nas comunidades máis vulnerables.

O foro pecharase o sábado cunha sesión plenaria na que se presentará unha declaración final centrada en catro grandes ámbitos: democracia, igualdade, medio ambiente e transformación dixital.

0.33295297622681