Besteiro pide a Rueda explicacións sobre os votos "sospeitosos" dos galegos no exterior

José Ramón Gómez Besteiro esixiu hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "un mínimo de coherencia" na polémica aberta arredor da chamada Lei de Netos, despois de que onte, no Congreso, o titular do Goberno galego reclamase unha "conexión real" con España para conceder a nacionalidade aos descendentes de emigrantes. "Esa suposta conexión real non é un criterio legal, é unha frase pensada para sementar dúbidas, para facer que a xente vexa fraude onde non o hai", afirmou Besteiro.
O secretario xeral do PSdeG lembrou que a medida forma parte da Lei de Memoria Democrática, aprobada en 2022 polo Goberno de Pedro Sánchez, para reparar aos descendentes de quen tivo que marchar ao exilio. "O que fixo entón o PP foi votar en contra da lei e, ao mesmo tempo, ir a Arxentina e Uruguai a dicir que defendía ese dereito. Alí prometían amparo. Aquí prometían derrogar a norma que lles daba ese amparo", explicou.
"Levo escoitando ao PP falar dos galegos do exterior toda a vida. Cando lles interesaba o seu voto, eran tan galegos coma calquera. Agora que en Madrid parece que non lles cadran as contas, resulta que teñen que demostrar unha 'conexión real'. Que lles vaian explicar iso aos galegos de Bos Aires, de Montevideo ou da Habana", dixo Besteiro.
As declaracións de Rueda prodúcense poucos días despois de que Feijóo cualificase a Lei de Netos de "enxeñaría electoral" e acusase a Sánchez de querer "fabricar" ata 2,5 millóns de votantes a través das nacionalizacións, especialmente en Arxentina, onde hai máis de 600.000 expedientes, na línea das teses da ultradereita de Vox. E Rueda foi aínda máis alá e pediu unha proba dun vínculo "real" cos ascendentes españois.
Para Besteiro, o que pretende o presidente da Xunta é instalar a sospeita de que a lei permite acceder á nacionalidade sen ningún vínculo con España. "Iso é mentira. A lei xa esixe acreditar o parentesco e a condición de exilio. Rueda non quere mellorar nada. O que quere é que a xente crea que aquí entra quen lle dá a gana", advertiu.
Besteiro tamén lembrou que Feijóo defende unha cousa e a contraria segundo o momento político. Hai vinte anos, sendo aínda líder da oposición en Galicia, viaxou a Montevideo para reclamar que os netos de emigrantes tivesen os mesmos dereitos ca calquera outro galego. Xa como presidente da Xunta, volveu a Arxentina e a Uruguai para dicirlles ás colectividades galegas que eran tan galegos coma os de aquí. E cando chegou a Madrid, regresou a Bos Aires para prometer unha lei de nacionalidade mentres anunciaba a derrogación da lei socialista que xa recoñecía ese dereito. Esa promesa acabou incorporada ao programa electoral do PP en 2023.
"O mesmo Feijóo que prometeu iso en Arxentina é o que agora lle chama fraude á lei que xa existe. E Rueda, que estivo sentado ao seu carón durante vinte anos, disimula coma se isto non fose con el", afirmou Besteiro. "Que collan un avión, que vaian a Bos Aires e que llo digan á cara á colectividade galega. A ver se alí teñen a mesma valentía coa que falan desde aquí".
O líder dos socialistas galegos anunciou que o PSdeG rexistrará iniciativas no Parlamento de Galicia para que Rueda concrete cal é exactamente a súa posición. "Leva vinte anos á sombra de Feijóo. Agora que nos diga con cal se queda: co Feijóo de 2006, co de 2017 ou co de 2026. Que o diga no Parlamento, con nome e data, sen esconderse detrás dunha frase feita", sinalou.
Para Besteiro, "os galegos e galegas do exterior non son un problema segundo sopre o vento político. Son Galicia e merecen que quen onte foi pedirlles o voto non os trate hoxe coma sospeitosos".