Besteiro pide a Rueda que aposte polas novas xeracións de galego no exterior porque son "unha gran oportunidade"

O líder socialista insta á Xunta desde Arxentina a desenvolver unha estratexia ambiciosa para fortalecer os lazos con Galicia e o sentimento de pertenza dos descendentes da emigración
besteiro-galego-no-exterior-arxentina
27 Jul 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou á Xunta un plan específico para fortalecer os vínculos con Galicia dos descendentes emigración que están accedendo á nacionalidade ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos.

Besteiro formulou esta proposta tras reunirse con distintos colectivos da diáspora durante a súa xira por Arxentina e Uruguai, a onde se desprazou para celebrar coa emigración o Día Nacional de Galicia. Hoxe mesmo mantivo encontros co Centro Descendientes Españoles Unidos e con dirixentes e socios do Club Centro Galicia.

“Estamos ante unha nova xeración de galegos e galegas que xa sente Galicia como propia pola historia das súas familias e á que agora se lle recoñece, por xustiza, o dereito á nacionalidade”, afirmou.

O líder socialista advertiu que este proceso abre “unha oportunidade histórica” para ampliar e renovar a Galicia exterior. Por iso, pídelle a Rueda que a aproveite e que deixe de combater a Lei de Netos obedecendo ás ordes de Feijóo. “A Xunta non pode crear galegos de primeira e de segunda, por iso cómpre ofrecer ás novas xeracións ferramentas que manteñan vivo o sentimento de pertenza e para que poidan participar no presente e no futuro da nosa terra”, explicou.

Besteiro instou o Goberno galego a traballar da man dos centros e asociacións da diáspora, aos que definiu como “a rede que mantivo Galicia viva no exterior durante xeracións”. Reclamou programas educativos, lingüísticos e culturais dirixidos especialmente á mocidade e elaborados en colaboración coa colectividade galega.

Entre as medidas propostas, apuntou á incorporación da historia e da cultura da emigración no sistema educativo galego. “Galicia non pode vivir de costas á súa propia historia. Os nosos mozos e mozas deben saber que boa parte do país que somos foi construída tamén polo esforzo, o sacrificio e a solidariedade da emigración”, sinalou.

Un retorno ligado ao emprego

O secretario xeral do PSdeG urxiu tamén a impulsar un cambio profundo nas políticas de retorno, dotándoas de máis recursos e vinculándoas de maneira efectiva ao mercado laboral para aproveitar a boa situación económica que atravesa España.

“Non chega con axudar a volver. Hai que facer posible quedar”, resumiu Besteiro, quen defendeu que as medidas de retorno deben facilitar o acceso a un emprego.

Besteiro criticou que a Xunta limite a súa relación coa diáspora “a actos institucionais e discursos en datas sinaladas” e esixiu unha política estable que recoñeza a emigración como unha parte fundamental da Galicia actual.

“É incoherente reivindicar a galeguidade da emigración e cuestionar despois o dereito dos seus fillos e netos á nacionalidade. A Lei de Netos responde a unha reclamación histórica e fai xustiza con miles de familias que nunca deixaron de sentirse vinculadas a Galicia”, concluíu.

0.39710783958435