Besteiro reclama á Xunta unha solución para garantir o abastecemento de auga en Vilaboa

O líder do PSdeG considera que a demora na creación da mancomunidade de subministración está a frear o desenvolvemento urbanístico, a creación de vivenda e a actividade económica no municipio
besteiro-abastecemento-vilaboa
12 Jul 2026

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este domingo en Vilaboa que a Xunta dea unha solución ao problema do abastecemento de auga na comarca, unha cuestión que, segundo advertiu, condiciona o desenvolvemento do municipio.

Tras manter un encontro co alcalde de Vilaboa, César Poza, e co seu equipo de goberno, Besteiro asegurou que o concello precisa dispoñer de recursos hídricos suficientes para poder desenvolver o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), habilitar novo solo residencial e crear espazos destinados á actividade económica.

O dirixente socialista criticou o atraso da mancomunidade impulsada pola Xunta para compartir o subministro de auga entre os concellos da comarca. Segundo sinalou, este proxecto “acumula anos de atraso e está a lastrar a creación de vivenda”, ademais doutros ámbitos do desenvolvemento local.

Neste sentido, reclamou ao Goberno galego que asuma o liderado das negociacións necesarias para desbloquear esta situación, que, segundo indicou, depende principalmente dun acordo entre a Administración autonómica e o Concello de Pontevedra.

Besteiro advertiu de que a falta de novos recursos hídricos está a limitar actualmente o crecemento de Vilaboa, xa que a posta en marcha de novos desenvolvementos urbanísticos depende de que quede garantido o abastecemento de auga.

“Trátase de posibilitar a fixación de poboación e enfrontar así o reto demográfico”, afirmou o secretario xeral do PSdeG, quen sostivo que mentres a Xunta non alcance un acordo sobre o futuro sistema de xestión da auga na comarca estará “obstaculizando” o desenvolvemento do municipio.

Durante a súa visita a Vilaboa, Besteiro tamén felicitou á veciñanza pola recente declaración do Entroido de Cobres como Festa de Interese Turístico Nacional. O líder socialista destacou que “o Partido Socialista traballou da man desde o Concello e desde o Estado para outorgarlle o recoñecemento que merece a unha tradición que os habitantes de Vilaboa mantiveron ao largo do tempo co seu esforzo”.

0.27771592140198