Besteiro reclama consenso de todas as forzas para facer da vivenda o quinto piar do estado de benestar

O secretario xeral do PSdeG defendeu en Baiona que as administracións públicas interveñan no mercado para baixar os prezos de alugueiro e de adquisición
besteiro-vivenda-baiona
6 Jun 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu en Baiona a necesidade dun amplo consenso político e social para converter o dereito á vivenda no quinto piar do estado de benestar. Foi durante a súa intervención nun encontro aberto ao público no que compartiu mesa co portavoz socialista no Concello, Carlos Gómez Prado.

Besteiro chamou a atención sobre que o problema da vivenda xa se converteu “no maior factor de empobrecemento da mocidade”, aínda que non é o único grupo social ao que lle afecta. Asegurou que cando toda unha xeración non pode independizarse pese ao seu esforzo, é “un dos grandes fracasos sociais do noso tempo”.

O líder socialista sinalou que a falta de vivenda é “a principal barreira” para construír un proxecto de vida e que, por ese motivo, unha das prioridades do PSdeG “é que ninguén teña que renunciar ao seu futuro”. “A vivenda debe ser un dereito, non un privilexio”, remarcou.

O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego recordou que neste momento xa son máis de 33.000 as persoas que demandan unha vivenda pública, “o dobre que ao comezo do mandato”, e que o problema non fai máis que agravarse. Precisou que máis do 70 % desa xente prefire acceder a un alugueiro, polo que esa é unha modalidade sobre a que deben incidir as políticas públicas. De todas formas, subliñou o incremento do prezo dos arrendamentos en Galcia, que son hoxe “un 27 % máis caros”.

José Ramón Gómez Besteiro fixo un repaso de como se chegou a esta situación na comunidade. Asegurou que a falta de aposta pola vivenda pública por parte do PP “non é un problema novo”, xa que a Valedora do Pobo vén alertando da situación desde o 2014. “En 17 anos no se executou vivenda pública e só comezou a moverse co impulso dos socialistas, cos fondos europeos e a Lei de Vivenda”, afirmou.

“Seis de cada dez euros en políticas de vivenda pública proceden do Goberno do Estado, pero a xestión da Xunta é baixa: dos 103 millóns orzamentados, 0 84 % están pendentes de executar, e no 2025 só se executaron a metade”, repasou. Incidiu tamén en que as 4.000 vivendas anunciadas por Rueda para este mandato e as 10.000 ata o 2030 “só son un terzo das demandadas”.

“Os socialistas activamos desde o Goberno de España un bono alugueiro para a mocidade, pero a Xunta négase a completalo con fondos propios e 10.000 mozos e mozas quedaron sen el no 2025”, explicou como exemplo das políticas do PP.

Besteiro apuntou, por outra banda, á “contradición insostible” que vive Galicia, xa que na comunidade hai máis de medio millón de vivendas baleiras “mentres miles de persoas buscan unha”. “Como pode faltar vivenda para habitar mentres sobran vivendas pechadas?”, preguntou.

O secretario xeral do PSdeG referiuse a Baiona como mostra das consecuencias “dunha política que non funciona”. Mentres aumentan as dificultades para acceder a un piso ou unha casa, “as vivendas de uso turístico seguen medrando ata alcanzar as 467, case o 3 % dos fogares do centro urbano”. “Cada vez hai máis casas para turistas e menos para a veciñanza”, censurou sobre un problema que pode derivar en que concellos como Baiona se convertan “en lugares para visitar, pero cada vez máis difíciles para vivir”.

Un plan de choque

Fronte á este estado de cousas, Besteiro defendeu as propostas socialistas, a partir dun plan de choque que marque o camiño para reverter o problema. En primeiro lugar, reclamou que a vivenda protexida o sexa para sempre. “Blindala”, dixo, a través dunha modificación da lei para que manteña esa condición para sempre.

A segunda medida sería a creación dun banco público de alugueiro, co fin de mobilizar as vivendas baleiras. “De inmediato poderiamos poñer 10.000 ao servizo da xente”, asegurou, e cifrou o custe nuns moi asumibles 45 millóns de euros. “A proposta de Rueda é o programa Fogar Vivo, cun resultado de 238 axudas en 2025. Un exitazo”, ironizou.

Insistiu, por outro lado, en que ningún mozo, moza ou familia que o necesiten queden sen bono alugueiro por falta de fondos, en regular os alugueiros de tempada “freando os abusos” e en cambiar a Lei de Vivenda de Galicia para recuperar a superficie mínima “digna” de 40 metros cadrados para os aloxamentos compartidos, que o PP rebaixou a 30. “Cando non es capaz de baixar os prezos, o que fas é baixar os metros”, criticou.

A esas medidas uniu retirar do mercado os pisos turísticos ilegais, regular por lei o alugueiro de habitacións, impulsar e tramitar directamente as zonas tensionadas desde a Xunta, “sen trabas”, e recuperar barrios e vivendas a través dun “desenvolvemento real” do Plan Rexurbe, que neste momento “non avanza nin en execución nin en planificación”.

Finalmente, reclamou un impulso “e apoio” ao novo Plan de Vivenda do Estado e de Casa 47, a través do que se ofrecen vivendas en réxime de alugueiro “sostible e de por vida”.

0.40395283699036