Besteiro reclámalle a Rueda que declare de oficio as zonas tensionadas

O secretario xeral do PSdeG saudou onte en San Simón a recente declaración da illa como lugar de memoria fronte á “dereita do esquecemento
illa-san-simon-e-san-anton-memoria-historica-besteiro
25 Sep 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou onte “o pau na forma e no fondo” que a Xustiza lle vén de dar ao Goberno de Rueda en materia de vivenda. O Tribunal Constitucional negoulle a razón á Xunta no recurso que interpuxo á Lei de Vivenda, “pero tamén a toda a actuación do PP a nivel do Estado”.

Para Besteiro, o fallo xudicial confirma que, por parte do Goberno central, “as cousas fixéronse ben”. Por iso, sinalou que xa non hai desculpas para que a Administración autonómica aplique a lei, “por exemplo, para recoñecer de oficio as zonas tensionadas”. “Xa se acabaron as escusas”, remarcou en relación co “obstrucionismo” do PP en materia de vivenda.

“Rueda cumpre cos mandatos de Feijoo. Non defende os intereses de Galicia, senón os do Partido Popular de Madrid, e esta sentencia supón un golpe a esa forma de facer política”, concluíu.

Besteiro fixo esas declaracións na illa de San Simón. Desde alí celebrou a declaración de San Simón e San Antón como lugares de memoria democrática o pasado agosto, fronte á “dereita do esquecemento”.

Durante a homenaxe que o Goberno rendeu esta mañá a presos e madriñas na primeira das illas, o líder socialista valorou o compromiso do Goberno no eido da memoria democrática e chamou á Xunta a “respectar” ese espazo como lugar de divulgación “do que aconteceu e que ninguén quere que volva acontecer”. Pediu, por iso, un “compromiso real, non só palabras”, contra a “política do esquecemento”.

Besteiro lembrou que por San Simón pasaron máis de seis mil presos, dos que cincocentos foron fusilados ou morreron nela. Recordou tamén ás coñecidas como madriñas de Cesantes, que axudaron aos reclusos. Nun día “que nos reconcilia coa memoria”, asegurou que esta debe valer para valorar “a reconciliación, a reparación e a protección dos dereitos humanos”.

0.30220293998718