Besteiro reclámalle ao presidente da Xunta que escoite máis á cultura e que lle dedique máis recursos

O secretario xeral do PSdeG defendeu, tras reunirse coa presidenta do Consello da Cultura Galega, que este pese máis nas decisións
reunion-besteiro-consello-da-cultura-galega
17 Sep 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe a Rueda a “escoitar máis e mellor ao Consello da Cultura Galega” para que as súas recomendacións pesen máis nas decisións do Goberno galego. Foi tras reunirse coa presidenta dese órgano estatutario, que ten ten atribuídas funcións de asesoramento e consulta respecto dos poderes públicos. No encontro participaron, ademais do propio Besteiro e Dolores Vilavedra, a deputada socialista Silvia Longueira e o vicepresidente segundo do CCG, Jorge Mira.

O líder socialista reclamoulle “convicción política” ao presidente da Xunta e que “interiorice que se trata dunha relación frutífera que lle vai dar moi bo resultado ao país”. Demandou que iso se traduza, ademais, en “poñer máis recursos para a cultura galega, que necesita un maior impulso”. Besteiro mencionou investimentos en bibliotecas, arquivos, intelixencia artificial, educación, industria audiovisual, edición e a propia lingua como algúns dos campos nos que a Xunta debe prestar máis apoio, e apuntou tamén aos beneficios económicos. “Dedicar recursos á cultura galega é un bo investimento, é moi rendible”, asegurou.

José Ramón Gómez Besteiro trasladou estas consideracións nun momento no que os Orzamentos da Xunta van nunha dirección contraria. Neste exercicio, os fondos dedicados á cultura quedan en 150 millóns de euros, cando en 2009, nos derradeiros Presupostos do Goberno de Touriño, foron de 21,7 millóns. A actual proposta do Partido Socialista pasa por recuperar ese esforzo, especialmente no referido a normalización lingüística, coa incorporación das medidas que propón o CCG a raíz dos resultados do foro “Un país coa súa lingua”.

Para finalizar, o secretario xeral do PSdeG sinalou que o debate sobre a cultura “debe estar presente no día a día” non só da vida política, senón tamén no conxunto da sociedade, co fin de posibilitar “unha mellora constante”. Para elo, demandou a implicación tanto “de quen teña a responsabilidade de gobernar Galicia” como da Administración do Estado, a Unión Europea e os concellos.

Dolores Vilavedra explicou que a xuntanza serviu para tratar diversos asuntos, “algúns deles entre as prioridades estratéxicas do Consello da Cultura Galega para o 2027, como a IA e a lectura”.

Sobre o conselleiro de Emprego: “Rueda tiña información ou non?”

A preguntas dos medios, José Ramón Gómez Besteiro insistiu en reclamar que o conselleiro de Emprego compareza no Parlamento, logo de que se detectase que na adega da súa familia traballaban persoas en situación irregular. “Queremos que dea explicacións, que nos diga canto sabe, desde cando e como”, dixo.

Tamén sinalou o silencio de Rueda tras a noticia. “Como é habitual, non se pronuncia porque non sabemos se tiña información ou non. En todo caso, presumo que é unha persoa informada e destas cuestións debía ter coñecemento”, afirmou o líder socialista.

“Imos escoitar o que teña que dicir o conselleiro, porque supoño que non terá ningún inconveniente e nada que ocultar, porque quen se nega a a comparecer é que ten algo que ocultar”, apuntou o secretario xeral, que avanzou que, logo de que se dean explicacións, “o control político tamén pasa por esixir responsabilidades”.

0.29670310020447