Besteiro reivindica o feminismo durante a entrega dos VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez celebrada en Ourense

Nesta sétima edición, os galardóns distinguiron o traballo de Fademur Galicia, polo seu labor en defensa das mulleres do rural, e da historiadora e investigadora Aurora Marco
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este sábado o feminismo como unha ferramenta para visibilizar desigualdades reais e advertiu do risco de retroceso nos dereitos conquistados nas últimas décadas. Fíxoo durante a entrega dos VII Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez, celebrada en Ourense.
Durante a súa intervención, Besteiro rexeitou as mensaxes que identifican o feminismo como unha ideoloxía divisoria e afirmou que “o feminismo non divide. Nomea o que xa existe”. Nesa liña, incidiu en que “a brecha salarial non é un invento feminista. A violencia machista non é un invento feminista. A dobre xornada non é un invento feminista. Son realidades. E negalas non as fai desaparecer”.
O líder dos socialistas galegos alertou tamén dun contexto no que, ao seu xuízo, se están cuestionando avances que parecían consolidados. Por iso, apelou á responsabilidade colectiva e sostivo que esta situación “debería ser suficiente para que ningún de nós se permitise a comodidade da indiferenza”.
Boa parte do seu discurso xirou arredor da figura de Maruja Vázquez Suárez, a mestra que dá nome aos galardóns e que foi fusilada en 1936. Besteiro lembrou que foi represaliada por defender o dereito das nenas á educación e subliñou a importancia de manter viva a memoria de quen loitaron pola igualdade en contextos especialmente difíciles. “Houbo persoas que defenderon estes dereitos en momentos moi difíciles e que pagaron un prezo altísimo por facelo, mesmo a vida”, sinalou.
O secretario xeral do PSdeG aproveitou ademais para reivindicar o compromiso histórico do seu partido coa igualdade entre mulleres e homes. “O socialismo non ten ambigüidade nisto. Para nós é un compromiso estrutural. O feminismo vai no noso ADN político desde antes de que tivese ese nome”, asegurou.
No peche da súa intervención, chamou a seguir defendendo dereitos que, segundo indicou, continúan sendo cuestionados por determinados sectores. “Hai causas que non deberían necesitar explicación”, afirmou, antes de lembrar que Maruja Vázquez Suárez foi asasinada por defender que a igualdade era posible. “Oitenta e tantos anos despois, temos a obrigación de non deixar que esa posibilidade se esfume”, concluíu.
No acto participaron tamén a presidenta do PSdeG, Carmela Silva; a secretaria de Igualdade, Natalia González; e a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Ana Alvite.
Nesta sétima edición, os Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez distinguiron o traballo de Fademur Galicia, polo seu labor en defensa das mulleres do rural, e da historiadora e investigadora Aurora Marco, recoñecida pola súa traxectoria dedicada á recuperación da memoria de mulleres silenciadas pola historia.