Besteiro reivindica o proxecto do antigo casino de Entrimo como exemplo de revitalización do rural

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou en Entrimo o futuro hotel impulsado no antigo casino da localidade, que o PSdeG presenta como un exemplo de modelo de revitalización sostible do rural promovido desde os gobernos municipais socialistas.
O proxecto, promovido polo Concello de Entrimo, contou con 600.000 euros procedentes de fondos Next Generation xestionados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e supón a transformación do antigo edificio en infraestrutura turística. Segundo explicou Besteiro, trátase dun investimento destinado a recuperar patrimonio e dinamizar a economía local.
O dirixente socialista cualificou a actuación como parte dun modelo de recuperación do rural que busca impulsar actividade e servizos. Neste sentido, sinalou que o proxecto foi “impulsado polo Concello con fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para recuperar un inmoble histórico e convertelo nun motor de actividade para o Concello”, co obxectivo de “atraer visitantes, crear oportunidades e apoiar a actividade económica local”.
Besteiro enmarcou esta iniciativa nunha estratexia máis ampla de desenvolvemento do interior galego, na que tamén mencionou outras actuacións municipais como un supermercado en Pol ou unha estación de servizo en Ribeira de Piquín, que considerou exemplos de proxectos destinados a manter servizos básicos e fixar poboación.
O líder do PSdeG tamén contrapuxo estas iniciativas co papel da Xunta, afirmando que “alá onde o goberno do PP na Xunta de Galicia pecha os ollos para deixar esmorecer o interior de Galicia, é onde os alcaldes e alcaldesas socialistas amosan o compromiso para fixar poboación e garantir actividade de futuro”.
O proxecto do antigo casino contempla a creación dun aloxamento con capacidade para 26 prazas e un hotel con dez habitacións dobres, nunha contorna próxima á Serra do Xurés e á ruta do Camiño Miñoto Ribeiro, elementos que o PSdeG considera clave para atraer turismo e actividade económica á zona.