Besteiro urxe a Rueda a implantar os cribados de cancro de mama aos 45 anos

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe á Xunta a axilizar a implantación do cribado do cancro de mama para as mulleres de entre 45 e 50 anos. O líder socialista sinalou que, unha vez que o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou esa medida, o Goberno galego debe “anticiparse” aos prazos que se veñen de establecer.
Besteiro fixo esas declaracións durante a súa visita á sede da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, onde destacou o “protagonismo” da entidade en ámbitos coma o apoio a pacientes e á investigación.
“Hai tres anos para desenvolver o plan e ata os seis para chegar ao 100 % da poboación, pero imos pedir que en Galicia se adiante”, insistiu o secretario xeral, que baseou esa solicitude nos grandes resultados do programa de detección precoz da enfermidade. “Por que o pedimos? Porque o cribado supón vida. Antes, as taxas de mortalidade estaban no entorno do 12,5 por mil despois de cinco anos tras o diagnóstico, e cos cribados a partir dos 50 anos baixaron ata o 3,8 por mil”, recordou, e engadiu: “O cribado é eficaz, salva vidas, e adiantalo aos 45 anos é moi positivo”.
Apuntou, ademais, que ata o 10 % dos cancros de mama se rexistran en menores de 50 anos e que a extensión das probas á poboación a partir dos 45 beneficiaría a 116.000 galegas.
José Ramón Gómez Besteiro referiuse tamén, a preguntas dos medios de comunicación, ás protestas que hoxe tiveron lugar en diferentes cidades galegas por mor das listas de agarda. “O que observamos é que, por parte da Xunta, hai unha carencia de planificación para anticiparse a problemas coma este”, asegurou. Criticou que, pola contra, o Goberno de Rueda si aborde a cuestión das baixas laborais “dando paus de cego”. Defendeu que o principal problema nese eido é “o atraso na realización das probas diagnósticas sobre as que os profesionais teñen que tomar decisións”.
Besteiro reclamou que se reforce economicamente toda a sanidade, “pensando, en primeiro lugar, na atención primaria, pero tamén a asistencia hospitalaria”. “O que hai que facer é planificar e dotar a sanidade de máis recursos, uns recursos que, por certo, nos últimos anos xa chegaron desde o Estado, que destinou ás comunidades autónomas cantidades adicionais”, subliñou.
Transferencia da AP-9 a Galicia
O líder do PSdeG pronunciouse, por outra parte, sobre cuestións relacionadas coas infraestruturas de comunicacións que dependen do Estado. Valorou, especialmente, o acordo no Congreso dos Deputados para acadar a transferencia da AP-9 a Galicia, “un paso importante” sobre o que priorizou “o obxectivo final de conseguir a gratuidade” da autoestrada. O que lamentou foi os “obstáculos” a ese proceso, “como que o Partido Popular non votase favorablemente a transferencia”.