Besteiro viaxará a Bos Aires para celebrar xunto co seu partido en Rianxo o Día de Galicia

O acto formará parte dunha viaxe do 21 ao 28 de xullo a Arxentina e Uruguai onde reforzará os vínculos coa diáspora
Besteiro-Pleno-Parlamento-Galego-Xunta-de-Galicia
17 Jul 2026

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, intervirá desde Bos Aires no acto co que o partido conmemorará como é xa tradición o próximo 25 de xullo, o Día Nacional de Galicia en Rianxo, vila natal de Castelao. Así o anunciou hoxe a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.

“Besteiro falará desde a cidade na que faleceu Castelao e desde a que defendeu unha Galicia democrática cando facelo dentro do país significaba persecución e silencio”, explicou Méndez.

A conexión unirá simbolicamente Bos Aires e Rianxo, a Galicia do exilio e a Galicia de hoxe, para reivindicar unha identidade aberta, progresista e inseparable da súa emigración. “Uniremos a vila na que naceu Castelao coa cidade desde a que mantivo viva a esperanza dunha Galicia democrática”, destacou a secretaria de Organización.

Lara Méndez sinalou que a celebración deste ano adquire unha relevancia especial porque se produce nun momento histórico para a Galicia exterior, tras a aplicación da coñecida como Lei de Netos.

Esta medida, incluída na Lei de Memoria Democrática e aprobada polo Goberno socialista como unha reparación histórica, permitiu que miles de fillos, fillas, netos e netas da emigración e do exilio accedesen á nacionalidade española.

“Permitimos que miles de descendentes da emigración recuperasen un dereito e reforzasen os seus vínculos con Galicia”, afirmou Méndez, quen lembrou que a norma “non contou co voto favorable nin do PP nin do BNG”.

A responsable socialista destacou que a diáspora “forma parte da historia, da identidade e do futuro de Galicia” e defendeu a necesidade de seguir ampliando os seus dereitos e a súa participación na vida política, social e cultural do país.

A intervención do Día Nacional de Galicia enmárcase na viaxe que Besteiro realizará entre o 21 e o 28 de xullo a Arxentina e Uruguai. Durante esta semana desenvolverá unha intensa axenda política, institucional, social e cultural destinada a reforzar a relación coa colectividade galega no exterior, estreitar os vínculos coas forzas progresistas e reivindicar os dereitos das persoas emigradas e dos seus descendentes.

“Queremos reforzar os lazos entre Galicia e América Latina desde unha visión compartida de dereitos, progreso e apertura ao mundo”, sinalou Lara Méndez.

A axenda incluirá reunións con galegos e galegas da diáspora, descendentes da emigración e representantes dos centros galegos, así como encontros con diferentes personalidades políticas e institucionais de Arxentina e Uruguai.

Besteiro reunirase con Carlos Bianco, ministro de Goberno da Provincia de Bos Aires, para abordar as relacións entre Galicia e a provincia arxentina, e manterá encontros con deputados e senadores do país.

En Uruguai reunirase con dirixentes do Frente Amplio para afondar na alianza entre as forzas progresistas galegas, españolas e latinoamericanas fronte ao avance dos discursos autoritarios, reaccionarios e excluíntes”, explicou a secretaria de Organización.

Memoria, cultura e oportunidades de futuro

A viaxe incluirá tamén un percorrido pola memoria das grandes figuras galegas do exilio que converteron Bos Aires na gran capital cultural de Galicia durante os anos da ditadura. A axenda estará vinculada a personalidades como Castelao, Luís Seoane e Xosé Neira Vilas, escritor estreitamente ligado á emigración galega en Arxentina e homenaxeado no próximo Día das Letras Galegas.

“Bos Aires foi un espazo de liberdade, cultura e resistencia democrática no que se mantivo viva Galicia cando aquí se pretendía silenciala”, destacou Lara Méndez.

A secretaria de Organización sinalou que a visita servirá tamén para explorar novas oportunidades de cooperación política, cultural e económica entre Galicia e América Latina. Neste contexto, Besteiro abordará as posibilidades que abre o acordo entre a Unión Europea e o Mercosur, que os socialistas galegos consideran unha gran oportunidade para fortalecer as relacións de Galicia con Arxentina, Uruguai e o conxunto da rexión. “A Galicia que queremos recoñece a súa diáspora, preserva a memoria e a identidade democrática e abre novas oportunidades de cooperación co mundo”, concluíu Méndez.

0.34045004844666