Betanzos, Nigrán e Lalín participarán no encontro de xigantes e cabezudos de Neda

A Asociación Cultural Gastronómica e Deportiva Piruchela deu a coñecer os primeiros participantes confirmados no encontro de xigantes e cabezudos que se celebrará o vindeiro 6 de xuño en Neda, unha cita que recuperará unha tradición histórica desaparecida na vila arredor da década dos anos corenta.
Entre as primeiras incorporacións destaca a presenza do Concello de Betanzos, que achegará ao evento os seus históricos cabezudos, considerados unha das tradicións máis emblemáticas de Galicia. Figuras tan coñecidas como o “Peluquín” ou o “Demo”, protagonistas das festas patronais de San Roque, estarán presentes nesta xornada cultural.
Tamén confirmou a súa asistencia a Asociación Cultural As Angustias de Nigrán, entidade destacada pola conservación da arte popular no sur de Galicia. A agrupación participará tanto cos seus cabezudos como cos seus xigantes, que percorrerán as rúas de Neda achegando animación e cor ao desfile.
A relación de participantes complétase, polo momento, coa Asociación Cultural O Redondelo de Botos, de Lalín, recoñecida polo seu labor de conservación do folclore local e pola presenza habitual dos seus cabezudos nas celebracións parroquiais da comarca.
O encontro contará ademais cun importante apartado musical grazas á participación da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene e da formación Vai Ranhala, Meu!, de Narón, encargadas de acompañar o desfile co ritmo tradicional galego.
Desde a Asociación Piruchela sinalan que estas son unicamente as primeiras confirmacións dun cartel que continuará ampliándose nos próximos días coa incorporación de novas agrupacións chegadas doutros puntos de Galicia. O colectivo organizador destaca tamén a boa acollida que está a ter a recuperación desta tradición popular, chamada a converterse nun dos eventos culturais destacados da programación local.