Black leva mañá a súa reinterpretación da música negra á Praza de Galiza de Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa coa programación cultural de verán cunha nova proposta do ciclo de música na rúa En Aberto. Mañá, xoves 13 de agosto, será a quenda de Black, que ofrecerá un concerto ás 21.00 horas na Praza de Galiza, con entrada libre e gratuíta.
Black é un proxecto musical coruñés que leva doce anos reinterpretando grandes éxitos da música negra. A formación é responsable de espectáculos como Paseo pola música negra, Soul e literatura ou Voces de muller, e chegará a Arzúa en formato quinteto, unha formación creada con motivo do décimo aniversario do proxecto.
O repertorio combina clásicos do soul na súa vertente máis bailable con temas de diferentes épocas. Entre as referencias da banda figuran Donna Summer e Whitney Houston, no caso dos clásicos, e Justin Timberlake ou Bruno Mars entre as propostas máis recentes.
A actuación permitirá percorrer diferentes momentos da historia do blues a través dun repertorio que busca trasladar o público a outras épocas mediante as historias que os autores clásicos narraron a través da súa música. Trátase de relatos cuxo transfondo, segundo a organización, continúa tendo presenza na actualidade.
O ciclo En Aberto continuará o xoves 20 de agosto coa actuación da banda folk Os Liantes. A programación pecharase o xoves 27 de agosto con Pepe Piña y Los Robinson, que ofrecerán unha proposta centrada na música das décadas dos anos 70 e 80.