Blanco destaca nas Pontes o investimento en inclusión para familias con necesidades específicas de apoio educativo

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe nas Pontes o compromiso do Goberno coa igualdade de oportunidades e a inclusión educativa, reflectido nun investimento de case 20 millóns de euros no curso 2024-2025 en bolsas NEAE do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que beneficiaron no último curso a preto de 13.000 familias galegas. O delegado lembrou que este apoio case supón triplicar o investimento e o número de familias beneficiarias respecto da última lexislatura do Goberno anterior ao de Pedro Sánchez”. Así, sinalou que no curso 2018-2019 estas as axudas chegaban unicamente a 5.350 alumnos e alumnas galegos cun importe de 7,5 millóns de euros.
Pedro Blanco ofreceu estes datos durante a visita ao centro Aspanaes das Pontes acompañado polo presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín G. Formoso; o responsable da Área de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Lois Carballido; a directora de Aspanaes As Pontes, Cristina Rodríguez; e a vicepresidenta de Aspanaes e presidenta de Autismo Galicia, Mercedes Fernández.
Alí, puxo en valor “o traballo tan valioso” que realiza Aspanaes no acompañamento, atención e formación das persoas con autismo e das súas familias, reivindicando a importancia de garantir “que cada estudante poida desenvolver o seu proxecto vital con garantías, independentemente das súas circunstancias”.
Pedro Blanco agradeceu especialmente “o compromiso e dedicación” de todo o equipo de Aspanaes e puxo en valor a tarefa que desenvolve a entidade nas súas instalacións das Pontes, onde presta servizos de educación especial, atención residencial terapéutica, atención diúrna e programas de promoción da autonomía persoal para persoas con autismo.
O delegado destacou tamén a colaboración institucional coa Deputación da Coruña e co Concello das Pontes, “fundamental para prestar unha atención integral e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias”. Neste contexto, lembrou que Aspanaes recibiu un total de 464.774,77 euros en axudas do Goberno de España a través de diferentes programas.
Bolsas NEAE
A convocatoria das bolsas NEAE para o curso 2026-2027 abriu onte, 19 de maio e permanecerá aberta ata o próximo 10 de setembro. Neste sentido, Pedro Blanco animou ás familias a solicitar estas axudas porque “son unha man tendida e unha oportunidade para que cada rapaz e rapaza con necesidades especiais poida estudar, ter futuro e cumprir soños”.
As solicitudes realizaranse de maneira directa e totalmente telemática a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, manténdose de forma excepcional a posibilidade de presentación en papel para familias con dificultades de acceso aos medios dixitais.
As axudas están destinadas a alumnado con discapacidade, trastornos graves de conduta, da comunicación ou da linguaxe, Trastorno do Espectro Autista (TEA) ou altas capacidades, e cobren necesidades como material escolar, transporte, comedor, residencia ou reeducación pedagóxica e da linguaxe. Ademais, mantense a axuda complementaria de 400 euros para sufragar gastos adicionais das familias.
Pedro Blanco subliñou ademais que o Ministerio de Educación mantén desde 2022 o programa de Educación Inclusiva, dotado con 140 millóns de euros en toda España e que xa deixou 8 millóns de euros en Galicia para reforzar os recursos dos centros ordinarios e de educación especial.