Blanco pide á Xunta que se adhira ao Abono Único do Goberno

Deste modo, os galegos contarán cunha única tarxeta para viaxar no transporte público
chofer-condutor-autobus
1 Sep 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor a oportunidade que supón para Galicia o novo Programa de fomento do transporte público a través dun sistema de Abono Único, do Goberno de España, que hoxe se publica no BOE, e animou á Xunta e aos concellos galegos a adherirse para que os beneficios desta iniciativa poidan chegar ao maior número posible de cidadáns.

O programa impulsado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible avanza cara a unha rede de transporte público máis integrada, na que un mesmo abono poida ser utilizado en diferentes medios de transporte aínda que estean xestionados por administracións distintas, sempre que estas se incorporen ao sistema. “O obxectivo debe ser que os cidadáns teñan máis facilidades para moverse en transporte público e non que teñan que preocuparse de quen xestiona cada servizo”, apuntou o delegado do Goberno en Galicia.

Deste xeito, o Abono Único permitirá utilizar os servizos de transporte público terrestre de competencia estatal incluídos no programa e ofrece ás comunidades autónomas e aos concellos a posibilidade de incorporar tamén os seus propios servizos mediante convenios de adhesión.

“O Goberno de España xa puxo en marcha o sistema e ofrece ás comunidades autónomas e aos concellos a posibilidade de sumarse. Agora temos unha oportunidade para que Galicia dea un paso máis cara a un transporte público máis conectado, máis sinxelo e máis accesible”, sinalou Pedro Blanco.

O delegado destacou que a adhesión das administracións galegas non implica renunciar ás súas competencias nin ao seu modelo de transporte, senón conectar os servizos que decidan incorporar cunha rede máis ampla de transporte público.

Vantaxe directa para a cidadanía

A tarxeta contempla un abono nominativo de tarifa única cunha validez de 30 días, así como un abono específico para xente nova ata os 26 anos.

O programa inclúe xa inicialmente determinados servicios ferroviarios de Renfe suxeitos a obrigación de servizo público e contempla expresamente o servizo AVANT entre Ourense e A Coruña.

Pedro Blanco destacou tamén o esforzo realizado polo Goberno de España para facilitar a implantación do sistema, pois facilita unha plataforma común de recoñecemento dos abonos e prevé mecanismos de compensación financeira para as administracións participantes polos posibles impactos económicos negativos derivados da adhesión, así como por eventuais incrementos extraordinarios dos custos provocados polo aumento da demanda.

“Facemos un chamamento á Xunta e aos concellos para que se adhiran ao Abono Único. O Goberno de España xa deu o primeiro paso. Agora podemos dar o seguinte entre todas as administracións para construír unha rede de transporte público máis integrada, máis accesible e máis útil para os galegos e galegas”, concluíu Pedro Blanco.

0.348965883255