Blanco salienta o impulso do Goberno á mobilidade eléctrica en Galicia cun investimento de máis de 9 millóns de euros

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou o impulso do Goberno á mobilidade eléctrica en Galicia, onde se implantarán 38 novas infraestruturas de recarga con máis de 9 millóns de euros. Este investimento chega no marco da primeira convocatoria do programa MOVES Corredores de Recarga, impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Pedro Blanco puxo en valor a repercusión do Plan MOVES Corredores de Recarga en Galicia, ao ser a terceira CCAA na que máis proxectos se levarán a cabo. Nese sentido, subliñou o desenvolvemento da mobilidade eléctrica en Galicia e os seus beneficios para limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro, destacando que actuacións como esta favorecen unha transición cara un modelo de transporte máis sostible, froito do compromiso do Goberno coa descarbonización e o medio ambiente.
Esta convocatoria incentivou 341 proxectos en toda España, entre repotenciacións de estacións existentes e estacións de nova creación, con potencias dispoñibles mínimas de 300-400 kW por estación, segundo tipo de rede de estradas, o que supoñerá 2.674 puntos de recarga adicionais, contando cada estación subvencionada, con polo menos un punto de 150 kW. En total, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 97 M€ a esta medida.
Desde a posta en marcha do ecosistema MOVES, o Goberno mobilizou xa máis de 3.000 millóns de euros para impulsar a mobilidade eléctrica en España, permitindo a adquisición de máis de 204.900 vehículos eléctricos, a instalación de 160.000 puntos de recarga e o desenvolvemento de proxectos innovadores destinados a acelerar a descarbonización do transporte.
Atendendo ao reparto dos proxectos por provincia, implantaranse 7 novos puntos de recarga en Lugo (1,7 M€), 18 na Coruña (4,3 M€), 5 en Ourense (1 M€) e 8 en Pontevedra (1,9 M€). Para coñecer os proxectos de xeito pormenorizado, axúntase con esta nota o listado da resolución definitiva que emitiu o Ministerio.