Bombeiros de Bulgaria realizan unha estadía formativa en Ourense para coñecer o modelo galego de loita contra incendios

A formación desenvolverase durante a primeira quincena de xullo no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén e noutras instalacións da Xunta
bombeiros-buulgaros-toen
2 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu esta mañá á delegación de bombeiros de Bulgaria que realizará unha estadía formativa na provincia de Ourense durante a primeira quincena de xullo. O obxectivo é coñecer os métodos e procedementos empregados en Galicia na prevención e extinción de incendios forestais.

Segundo explicou o delegado territorial, durante a súa estancia os bombeiros recibirán formación teórica e práctica no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, unhas instalacións impulsadas pola Xunta que se están a consolidar como un referente internacional na formación de profesionais da extinción de incendios forestais.

No CILL de Toén realizarán cursos de preparación física, condución de vehículos todo terreo e manexo de motobombas. Ademais, a delegación visitará distintas instalacións da Xunta de Galicia, entre elas infraestruturas da Dirección Xeral de Defensa do Monte espalladas polo territorio, así como as bases aéreas de Verín-Oímbra e A Merca e o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais.

Manuel Pardo salientou que os participantes tamén poderán participar en labores vinculadas a incendios xunto con bombeiros galegos, co fin de coñecer de primeira man as técnicas e mecanismos de intervención empregados na comunidade.

Para facilitar a súa estadía, o dispositivo contará con persoal de enlace debido á súa experiencia, xa que esta é a terceira edición consecutiva na que a Consellería participa no programa de preposicionamento de bombeiros financiado polo Mecanismo Europeo de Protección Civil.

O delegado territorial enmarcou esta iniciativa na aposta da Xunta pola cooperación internacional na loita contra os incendios forestais, permitindo que profesionais doutros países europeos coñezan o modelo galego, especialmente o do sur de Europa, con ampla experiencia nesta materia. Neste sentido, lembrou que este programa xa permitiu a participación de bombeiros de Estonia e Países Baixos en edicións anteriores.

Por último, Manuel Pardo fixo un chamamento ao reforzo das medidas de prevención de incendios forestais mediante unha estratexia común baseada na xestión dos bosques, a mellora dos sistemas de alerta temperá e unha maior coordinación entre administracións e territorios.

0.41885185241699