Brión súmase por primeira vez ao festival científico Pint of Science con oito charlas e obradoiros infantís

O festival gratuíto de divulgación científica Pint of Science España chegará por primeira vez a Brión os días 18, 19 e 20 de maio cun programa composto por oito charlas científicas e unha xornada especial de obradoiros infantís que se desenvolverán no bar O Novo Faro coa colaboración do Concello de Brión.
O evento celebra este ano a súa undécima edición en 114 cidades de todo o Estado e incorpora por vez primeira 29 localizacións rurais, entre elas Brión, co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía nun ambiente próximo e accesible.
A investigadora posdoutoral e responsable de Comunicación desta edición, Nerea Lago, veciña de Brión, destacou que iniciativas como esta permiten romper a percepción de que a investigación está afastada da vida cotiá. “Queremos que a xente se anime a participar, preguntar e descubrir todo o que hai detrás do traballo investigador, vendo ademais a importancia que a ciencia ten nas nosas vidas mentres comparte un bo rato no noso municipio”, sinalou.
Pola súa banda, a coordinadora do evento, Antía Lestido Cardama, explicou que o programa abordará cuestións científicas de maneira divulgativa e amena, con temas que van desde os bioplásticos elaborados a partir de residuos ata a paleontoloxía, a arqueoloxía, a biotecnoloxía vexetal ou a toxicoloxía forense.
A programación arrancará o luns 18 de maio ás 18.00 horas coa charla “Transformar residuos para facer bioplásticos”, impartida por María del Carmen Veiga Barbazán, profesora da Universidade da Coruña, quen explicará como determinadas tecnoloxías permiten converter residuos en materiais de valor engadido. A continuación, Manuel Collado Rodríguez, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, ofrecerá a conferencia “Reprogramando o envellecemento”, centrada nos avances científicos que buscan atrasar o reloxo biolóxico e rexenerar tecidos humanos.
Esa mesma tarde, ás 19.00 horas, celebrarase tamén “Pint Kids x Brión”, unha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que combinará xogos e experimentos prácticos relacionados coa ciencia. Os obradoiros incluirán actividades de psicomotricidade e observación de células ao microscopio. Haberá dúas quendas e as prazas, gratuítas, asignaranse por orde de inscrición a través da web do festival e dun formulario habilitado pola organización.
O martes 19 de maio, tamén desde as 19.00 horas, desenvolveranse tres novas charlas centradas na interpretación científica do pasado. Clara Veiga Rilo, profesora de arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, abordará como o estudo químico e dental de cemiterios arqueolóxicos permite coñecer mellor a vida dos antigos habitantes de Galicia. Ángela López Rabuñal, investigadora asociada ao Grupo de Toxicoloxía Clínica e Conductual da USC, explicará como funciona a análise capilar en toxicoloxía forense e que información achega respecto doutras probas médicas. Finalmente, Xairo Calvo Pérez, do Museo da Lourinha, ofrecerá unha charla sobre paleontoloxía centrada no estudo do cerebro e os órganos dos sentidos dos dinosauros.
As actividades concluirán o mércores 20 de maio con outras tres conferencias divulgativas. Lara Gómez Brandón, do laboratorio Cultigar, falará sobre as aplicacións da biotecnoloxía vexetal para multiplicar variedades autóctonas de oliveira e obter patacas libres de virus. O xeógrafo Diego Cidrás Fernández analizará o debate arredor do eucalipto e os límites da ciencia das invasións biolóxicas a partir da experiencia vivida no concello de Teo. O peche correrá a cargo do arqueólogo Mario Ramos Soriano, que revisará a visión tradicional da Alta Idade Media como unha “idade escura” a través da arqueoloxía costeira galega.
“Pint of Science” é un festival gratuíto e aberto ao público que conta co apoio do Concello de Brión, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Cienytech e Portomédica, ademais de distintos patrocinadores estatais vinculados ao ámbito científico e sanitario.