Burela cede un local á Federación Galega de Fútbol para achegar os seus servizos á Mariña

O novo espazo permitirá organizar formación, cursos e reunións e facilitará servizos a clubs, adestradores, árbitros e deportistas da comarca sen necesidade de desprazarse
Burela-cede-un-local-federacion-galega-futbol
26 Aug 2026

Burela contará cun espazo destinado á actividade da Real Federación Galega de Fútbol tras o acordo alcanzado entre o Concello e a entidade deportiva. Ambas as partes asinaron un convenio para a cesión dun local municipal desde o que a federación poderá desenvolver diferentes servizos e iniciativas dirixidas ao conxunto da Mariña.

Na sinatura participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro Ramiro Fernández Rey, xunto co presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, e o vicepresidente e responsable provincial, Carlos Méndez "Negrín".

A cesión permitirá á federación dispoñer dunha sede desde a que organizar actividades formativas, cursos, reunións e outras accións relacionadas coa súa actividade. O obxectivo é achegar estes servizos aos clubs, adestradores, árbitros e deportistas da comarca, reducindo os desprazamentos que ata agora podían ser necesarios para realizar determinadas xestións ou participar en iniciativas federativas.

Desde o goberno local consideran que a chegada da federación reforza o papel de Burela como punto de referencia deportivo na Mariña e amplía a actividade vinculada a este ámbito no municipio.

O Concello busca tamén que o local sirva como lugar de encontro e traballo para os diferentes colectivos relacionados co fútbol e permita incrementar a oferta formativa dispoñible na comarca.

"Burela é deporte, e queremos que tamén sexa un lugar no que as entidades deportivas galegas atopen espazo para traballar, formar e seguir medrando", destacan desde o Concello.

A administración local enmarca o convenio na súa aposta por sumar novos servizos que poidan ser aproveitados non só polos clubs e deportistas de Burela, senón tamén polo conxunto da Mariña, consolidando o municipio como sede de iniciativas de carácter deportivo e federativo.

0.25178194046021