Burela prepara tres días de música co regreso do festival Osa do Mar

A cita reunirá do 3 ao 5 de setembro un cartel que combina artistas emerxentes e figuras consolidadas da escena galega e estatal
Osa-do-mar-2026
2 Sep 2026

Burela volverá converterse esta semana nun dos puntos de encontro da música en Galicia coa celebración dunha nova edición do festival Osa do Mar. A programación desenvolverase do mércores 2 ao sábado 5 de setembro e combinará concertos, cinema, encontros con creadores e propostas audiovisuais, cun cartel no que conviven nomes consolidados e novas voces da escena musical.

A actividade comezará xa este mércores da man de Pantallas Sonoras, iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Plataforma Ultramar en colaboración co festival Osa do Mar. O ciclo reforza este ano a súa presenza dentro da programación coa estrea do I Concurso de Videoclips Pantallas Sonoras.

Ás 19.30 horas, a Casa da Cultura acollerá a proxección de Ao son da nova regueifa (2025), obra de Manolo Maseda e Saúl Rivas que se achega á transformación da improvisación oral e á nova escena musical galega. Ao remate haberá un coloquio cos dous directores.

Depedro e The Rapants, entre os protagonistas do venres

O xoves 3, tamén ás 19.30 horas na Casa da Cultura, será a quenda de Casamance. Banda sonora dunha viaxe (2016), de Paloma Zapata. O documental conecta España e Senegal a través da música e conta coa participación de Depedro e Ángel Carmona. A directora manterá posteriormente un encontro co público.

A programación continuará esa mesma noite no Barco Museo, onde o audiovisual deixará paso á música en directo con Gara Durán e unha sesión posterior de Anxo Ferreira.

O venres 4 chegará unha das xornadas máis intensas do festival. Polo escenario pasarán West SRK, Depedro, Eris Mackenzie, The Rapants, Éxtasis, La Milagrosa e Señora DJ, nunha proposta que mestura diferentes estilos e xeracións.

Un sábado con Fillas de Cassandra, Ortiga e Ginebras

O sábado 5 concentrará a programación máis extensa. A música chegará da man de Kornucopia vs Pandeireteiros do Inferno, Ortiga, Xosé Maseda, Arume, Portosanto, Fillas de Cassandra, Xuventude, Ginebras, Rata, Sobrezero e Grande Osso.

Antes dos concertos, Pantallas Sonoras celebrará ás 12.00 horas unha das principais novidades desta edición: a final do seu primeiro concurso de videoclips. A convocatoria recibiu preto dun cento de propostas, das que once conseguiron chegar á selección definitiva.

Os finalistas son choromicas con MANIFIESTO R; Fillas de Cassandra con Insolación; Grande Amore con Ontes fun moi malo; hydn con TASTE; Jade4 con RÉQUIEM; Laura LaMontagne con Cuidado; O Xoán con Ferido; Pantis con A tarde ceiba; Sacoga con Tesela Azul; The Rapants con Non Sei Como; e Willow GHZ con SEGUIREI PERDENDO. Cinco das propostas seleccionadas corresponden a artistas ou realizadores lucenses.

O público poderá votar durante a sesión, que concluirá coa entrega dos premios deseñados polo artesán burelao Martín Lestao. O Premio do Xurado Profesional estará dotado con 500 euros e será decidido por Paloma Zapata, Saúl Rivas e Sara Roca. Tamén se concederán o Premio Fundación Eu Son e o Premio do Público.

Deste xeito, Osa do Mar volverá combinar durante catro días música en directo e creación audiovisual, mantendo a súa aposta por un cartel diverso e pola presenza da creación galega nun festival xa consolidado no calendario cultural de Burela.

PROGRAMA

0.42756986618042