Burela reúne a psicólogos de toda Galicia nas XXXI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde

Burela converteuse dende o xoves en sede de referencia para a psicoloxía galega coa celebración das XXXI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). O encontro, que se prolonga ata hoxe, sábado 7 de novembro, leva por título ‘Fragmentos dun discurso sobre sexualidade’ e congregou a profesionais da psicoloxía procedentes de distintos puntos da comunidade.
O programa das xornadas propón un percorrido pola sexualidade dende enfoques diversos: feministas, históricos, antropolóxicos e transdisciplinares. Ao longo das sesións abordáronse cuestións como a diversidade sexual ao longo das distintas etapas da vida, a sexualidade na infancia e na adolescencia, e as historias do colectivo LGTBIQ+.
As xornadas tamén dedicaron espazo á sexualidade en contextos de saúde e enfermidade, aos dereitos e á calidade de vida das persoas, así como á atención psicolóxica en situacións de violencia sexual e ás estratexias para a súa prevención.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a elección da localidade como sede dun evento con ampla traxectoria dentro do ámbito colexial. “É un orgullo que o Colexio Oficial de Psicoloxía elixise Burela para celebrar unhas xornadas cunha traxectoria tan longa e un prestixio tan recoñecido. Agradecemos a súa confianza e damos a benvida a todas as persoas participantes, esperando que se sintan como na casa”, sinalou a rexedora.
López engadiu que este tipo de citas contribúen a proxectar a imaxe do municipio. “Acoller este tipo de encontros reforza o papel de Burela como vila aberta ao coñecemento e permítenos poñer o foco en temas tan importantes para a saúde e o benestar das persoas como a sexualidade, os dereitos e a prevención da violencia”, apuntou.