Caamaño define aos 16.000 doantes de médula como "heroes" na andaina de Outeiro de Rei

Galicia conta cunha taxa de 86,7 transplantes de medula ósea por millón de habitantes, unha cifra que supera a media estatal
andaina-doazon-medula-outeiro-de-rei
18 Jun 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na andaina familiar “Doa medula e serás o meu heroe”, un acto no que subliñou o heroísmo dos máis de 16.000 galegos que figuran inscritos no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO).

Organizada polo Concello de Outeiro de Rei en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro e diversas entidades, o titular de Sanidade aproveitou a camiñada para destacar os 95 transplantes de medula que xa se levan realizado en 2026 no Servizo Galego de Saúde.

Acompañado polo presidente de Asociación de Voluntarios de Oncoloxía Infantil de Málaga (AVOI), Juan Carmona, o titular de Sanidade agradeceu a implicación dos máis de 200 escolares que participaron nesta iniciativa, así como aos seus mestres e familiares pola seu compromiso coa saúde.

Nesta liña, Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia é na actualidade un referente en doazón e transplantes de medula. Así, precisou que a comunidade conta cunha taxa de 86,7 transplantes de medula ósea por millón de habitantes, superando a media estatal.

"Cada persoa que decide informarse, concienciar ou facerse doante pode converterse nunha esperanza para quen está a agardar un transplante, unha oportunidade de vida para persoas que afrontan enfermidades complexas", salientou o conselleiro.

O responsable autonómico pechou a súa intervención agradecendo a xenerosidade da cidadanía galega así como o labor de profesionais, asociacións e entidades que co seu traballo contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que sofren algunha enfermidade vencelladas á medula ósea.

0.30000996589661