Caamaño lamenta a falta de acción do Ministerio de Sanidade para frear a folga contra o Estatuto Marco

O titular de Sanidade lembra que a protesta se prevé indefinida a partir de setembro, "agravando a situación das lista de espera"
Gómez-Caamaño-visita-HULA
22 Jul 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou hoxe, novamente, a falta de acción do Ministerio de Sanidade para frear a folga contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central, un paro que se prevé indefinido a partir do mes de setembro e que non fará máis que agravar a situación das listas de espera.

Así o asegurou o titular de Sanidade da Xunta antes de participar, de xeito telemático, na sesión extraordinaria do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Gómez Caamaño manifestou a súa falta de confianza en que a ministra poña enriba da mesa unha solución ao conflito que xerou cos facultativos pola reforma do Estatuto Marco. Nesta liña, considerou que o máis probable é que os paros médicos teñan carácter indefinido a partir do mes de setembro, o que terá un grande impacto sobre as listas de espera para intervencións cirúrxicas, consultas e probas diagnósticas.

Respecto ao proxecto para homoxeneizar a información sobre as listas de espera de atención primaria e hospitalaria no conxunto do Estado, o conselleiro considerou positiva a iniciativa, na que están implicadas todas as autonomías, pero advertiu de que o proxecto non ten aínda a madurez suficiente para ser aprobado.

Neste sentido, salientou o traballo realizado polas comunidades pero, ao igual que os conselleiros doutras autonomías, sinalou que a medida aínda non está madura e “hai que traballala máis”, posto que ten moitos flecos por definir antes de poder aprobala e implementala na práctica, sobre todo, no que ten que ver coas plataformas informáticas para recoller dunha maneira sistemática e axeitada toda a información.

O titular de Sanidade referiu que o proceder típico da ministra de Sanidade é facer as cousas rápido e tentar sacalas de enriba, pero medidas de tanta importancia coma esta, “hai que levalas a cabo con máis rigor”.

A mellor mostra de que resta moita tramitación para a homoxeneización da información sobre as listas de espera é que o asunto foi retirado finalmente da orde do día da sesión extraordinaria do Pleno no que estaba prevista a súa votación.

0.35724687576294