Caamaño subliña o reforzo dos recursos sanitarios durante o verán no Salnés

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o reforzo dos recursos sanitarios que fai a Xunta durante o verán para garantir a atención de urxencia e emerxencia a toda a poboación do Salnés.
Así o trasladou na reunión de traballo que mantivo esta mañá co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e polo xerente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.
No encontro, o titular de Sanidade remarcou que a atención ás urxencias e emerxencias sanitarias en Vilagarcía e no conxunto da comarca do Salnés está “plenamente garantida” tamén no verán, como vén sucedendo cada ano coa disposición e distribución dos dispositivos asistenciais cos que conta a Consellería.
Como todos os veráns, nos meses de xullo e de agosto a ambulancia de soporte vital avanzado se traslada temporalmente a Sanxenxo atendendo a criterios obxectivos como a tipoloxía da demanda sanitaria, a frecuencia da actividade asistencial, os tempos de resposta e o incremento de poboación estacional.
A este respecto, Gómez Caamaño incidiu en que é responsabilidade da Consellería organizar os recursos asistenciais atendendo a esas circunstancias para prestar a atención urxente e á emerxencia “máis eficaz e áxil” ao conxunto da poboación de toda a comarca do Salnés.
Lembrou que no verán Sanxenxo rexistra un incremento exponencial de poboación, pasando de 18.000 persoas a máis de 120.000.
En canto a asistencias, os datos de 2025 reflicten que Vilagarcía de Arousa rexistrou, nos meses de xullo e de agosto, a metade das atencións urxentes que Sanxenxo, o que xustifica a organización asistencial: 57 atencións en Vilagarcía e 118 en Sanxenxo.
O conselleiro detallou os recursos asistenciais que están dispostos na comarca na época estival. Así, á ambulancia medicalizada con base en Sanxenxo nos meses de xullo e agosto, súmanse 5 ambulancias de soporte vital básico que operan as 24 horas e o reforzo, nestes dous meses de verán, de 1 ambulancia de soporte vital básico con base en Vilagarcía que opera 12 horas.
Esta rede de ambulancias do Salnés está apoiada, ademais, por unha ambulancia medicalizada e por unha ambulancia de soporte vital avanzando de enfermería con base en Pontevedra, e os dous helicópteros dos que dispón o 061, que operan en todo o territorio.
Ademais, refórzase con máis persoal o PAC de Vilagarcía de Arousa durante todo o verán; o PAC de Cambados durante a festa do Albariño e o Hospital do Salnés cando hai eventos coma estes ou coma o Atlantic Fest.
Gómez Caamaño remarcou que todas as ambulancias de soporte vital básico están perfectamente equipadas para realizar a reanimación cardiopulmonar (RCP), con técnicos altamente formados e que, cando a situación o require, as ambulancias son medicalizadas de inmediato con facultativos de atención primaria.
O titular de Sanidade quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade incidindo en que a atención urxente na comarca do Salnés está garantida e lamentou que haxa quen trata de sementar dúbidas sobre a calidade da atención por razóns partidistas, o que considerou unha “grave irresponsabilidade”.
Concluíu salientando que Galicia conta cunha das redes de emerxencias sanitarias máis sólidas e valoradas.