Caamaño&Ameixeiras estrea disco na casa museo de Manuel María
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 29 de maio, ás 19 hrs, a presentación do primeiro traballo discográfico de Caamaño&Ameixeiras, Aire!.
O dúo, ligado á música e ao baile de raíz, compóñeno Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz). Formado en 2018, acumula na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro da Galiza, como no ámbito internacional.
De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular mais incorporan recursos contemporáneos.
Aire! é o seu primeiro traballo discográfico, producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana.
O concerto levarase a cabo na horta da Casa-Museo. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete 5 euros.