Caballero acusa á Xunta de rexeitar os proxectos vitais para Vigo, como Balaídos, o IFEVI ou a ETEA

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este xoves a “negativa da Xunta de Galicia aos proxectos vitais da cidade”, tras recibir unha carta asinada polo conselleiro Diego Calvo en resposta á enviada ao presidente da Xunta, na que se rexeita o financiamento autonómico da ampliación do estadio de Balaídos.
Caballero lembrou que na súa misiva solicitaba á Xunta unha achega de 1,5 millóns de euros para a remodelación da bancada de tribuna, necesaria para cumprir cos requisitos FIFA de cara ao Mundial 2030, pero a resposta foi negativa. “Non queren pagar a remodelación de Balaídos para o Mundial”, asegurou, subliñando que a Xunta “fala das pistas de atletismo, prometendo pagar só a metade, cando o compromiso do goberno de Pérez Touriño era asumilas na súa totalidade”.
O rexedor criticou que a Xunta propuxese na carta que as obras do Mundial sexan financiadas polo Goberno de España, Xunta, Deputación e Concello, algo que “non se está a facer no resto de España”. Caballero puxo exemplos: “en Zaragoza pagan o concello, a comunidade e o club; en Las Palmas, o Cabildo; en Valencia, polo de agora o club; e en Sevilla, a Junta de Andalucía”. “O Goberno de España non paga ningún estadio, e a Xunta está dicindo que non quere pagar, é dicir, que non quere que Vigo teña Mundial. É un escándalo”, sentenciou.
O alcalde propón un financiamento a terzos entre Xunta, Concello e Deputación, solicitando conxuntamente axuda ao Goberno estatal: “Cando o Estado achegue fondos, rebaixaremos a parte de cada administración, pero agora a Xunta simplemente non quere pagar”.
Outros proxectos bloqueados
Caballero referiuse tamén á ETEA, “paralizada pola Xunta desde hai 17 anos”, mentres o Concello desenvolveu a parte que lle corresponde: apertura das instalacións deportivas, eliminación do muro de Punta, cesión de dous edificios á Universidade de Vigo e disposición de Zona Franca para construír un aparcadoiro que “tiña que facer a Xunta”. Criticou ademais que o conselleiro “descoñece” que o convenio coa Zona Franca xa está aprobado e será ratificado de inmediato pola Xunta de Goberno Local.
En canto ao túnel do Elduayen, o rexedor explicou que segue pendente o permiso da Consellería de Medio Ambiente para executar a obra: “Falta a resposta sobre unha colonia de paxaros, un problema que nos indicou a propia Xunta”.
Respecto á ampliación do IFEVI, Caballero lembrou que é competencia da Xunta e que Zona Franca está disposta a financiar o proxecto, pero é preciso modificar o padroado e taxar os activos, como marca a lei. Segundo o alcalde, o Goberno galego rexeita esa taxación independente. “O que propoñen é que Vigo o pague todo e a Xunta quede con todo. É o antiviguismo total”, concluíu.