Caballero alerta que o encoro de Eiras rexistra o seu peor nivel histórico

O alcalde pide á cidadanía manter o máximo aforro de auga ante unha situación de seca “moi severa” e esixe á Consellería actuar “de forma inminente”
caballero-encoro-de-eiras
7 Oct 2026

Abel Caballero alertou este mércores de que, pese ás lixeiras choivas rexistradas nos últimos días, o encoro de Eiras presenta a peor situación de enchido da súa historia para este momento, situándose “moi por debaixo” dos niveis rexistrados en 2011 e 2017. “Temos un serio problema. Seguimos nunha fortísima seca”, advertiu.

O rexedor reclamou á Xunta de Galicia que reduza de forma inmediata o caudal ecolóxico de Eiras ante a evolución das reservas. “A Consellería ten que baixar o caudal ecolóxico de forma inminente, mañá mesmo, porque a ameaza de carencia de auga é severa, moi severa”, afirmou.

Caballero tam´én pediu á cidadanía que manteña un consumo responsable e reduza ao máximo posible o uso de auga nos fogares, agradecendo o esforzo que xa se está realizando. O alcalde sinalou que as industrias tamén reduciron o consumo “ao mínimo posible” e insistiu na necesidade de continuar aforrando.

Caballero reiterou que a situación actual require adoptar decisións ante o descenso das reservas e responsabilizou á Xunta de actuar sobre o caudal ecolóxico: “A cidade está aforrando o máximo que pode e agradézollo moitísimo, pero a Xunta ten que baixar o caudal ecolóxico de forma inminente”.

0.29444694519043