Caballero celebra que Vigo sexa recoñecido como mellor aeroporto europeo na súa categoría

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou o recoñecemento internacional acadado polo Aeroporto de Vigo-Peinador, distinguido como mellor aeroporto de Europa na categoría de menos de 2 millóns de pasaxeiros.
A terminal viguesa foi galardoada nos premios Airport Service Quality, outorgados polo Airports Council International (ACI), que avalían a calidade do servizo aeroportuario a partir das valoracións directas das persoas usuarias.
Trátase da primeira vez que o aeroporto vigués acada este recoñecemento europeo, baseado nas enquisas realizadas aos pasaxeiros sobre aspectos como as instalacións, a atención ao cliente, a seguridade ou a eficiencia operativa.
Caballero amosou o seu orgullo polo galardón e ironizou sobre as críticas recibidas pola terminal olívica por parte doutras formacións políticas. “De súpeto acaban de declaralo o mellor de Europa na súa categoría”, sinalou, destacando a excelencia do servizo e o compromiso do equipo profesional.
O rexedor aproveitou tamén para reiterar a vontade do Concello de sacar un concurso para operar unha conexión aérea con Londres. Criticou á Deputación e á Xunta por non querer participar no financiamento, e anunciou que, de non sumarse, será o propio Concello quen asuma o custo.
Así mesmo, volveu denunciar unha suposta discriminación cara ao aeroporto vigués, asegurando que a Xunta “segue pagando voos en Santiago”, o que ao seu xuízo supón unha competencia desleal.