Caballero critica que a RFEF presente só 10 sedes para 11 prazas do Mundial 2030

O alcalde de Vigo cualifica de “intolerable” a decisión da Federación Española de Fútbol e reclama que a cidade sexa incluída entre as candidaturas ao Mundial 2030
Balaidos
12 Dec 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou que a Federación Española de Fútbol presentase só 10 sedes para as 11 prazas que lle corresponden a España de cara ao Mundial de fútbol de 2030, unha situación que cualificou de “intolerable”.

“Resulta intolerable que haxa 11 sedes acordadas para España e a Federación só presente 10”, afirmou o rexedor, quen considerou “insólito e único” que se produza esta circunstancia. Caballero lembrou ademais o precedente vivido por Vigo no proceso inicial de selección e asegurou que “eu cría que Louzán xa aprendera despois do escándalo polo que pasou a Vigo ao quedar fóra da candidatura, un escándalo que deu a volta ao mundo”.

Neste contexto, o alcalde amosouse disposto incluso a ampliar o número de candidaturas. “Estamos dispostos a que tamén incorporen Valencia, de xeito que teriamos 11 sedes e presentaríamos 12 candidaturas, porque sempre pode caer algunha das seleccionadas”, sinalou, defendendo que contar con máis opcións non é negativo para o proceso.

Caballero informou tamén de que enviou unha carta ao presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Uribes, e outra ao presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, nas que expón a situación de Vigo respecto ao Mundial 2030.

Segundo explicou, nas misivas o Concello propón que Vigo sexa nomeada oficialmente como cidade candidata ante a FIFA, ao considerar que a exclusión actual resulta “incomprensible” e carece de xustificación.

⚙ Configurar cookies
0.29910492897034