Caballero pide á Xunta e á Deputación 3 millóns de euros para as obras de Balaídos de cara ao Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou este xoves á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a habilitar partidas de 1,5 millóns de euros cada unha nos orzamentos de 2026 para financiar un terzo da obra de ampliación do estadio municipal de Balaídos, con vistas ao Mundial de fútbol de 2030.
Caballero explicou que xa está en marcha o cambio do colector de Balaídos, cun investimento de preto de 5 millóns de euros, e reclamou a colaboración económica das dúas institucións:
“Quero ver nos orzamentos da Xunta e da Deputación unha partida de 1,5 millóns para pagar a obra que xa estamos a facer”, afirmou.
O rexedor vigués criticou que tanto a Xunta como a Deputación “non queren pagar o Mundial de Vigo” e “non queren que teñamos Mundial”, polo que lles pediu “habilitar xa nos orzamentos unha partida específica para a obra que se vai executar a principios de 2026”.
Caballero anunciou tamén que remitirá unha carta formal a ambas administracións para solicitar de maneira oficial o seu compromiso financeiro co proxecto.
Durante a súa intervención, o alcalde censurou aos responsables da Deputación de Pontevedra polos investimentos previstos para Vigo en 2026, asegurando que a cidade “achega 85 millóns de euros ao ente provincial, fronte aos 5 millóns que este devolve en investimento”.
Engadiu que a Deputación mantén unha débeda de 3 millóns de euros con Vigo pola falta de actualización do convenio nos últimos dous anos, e reiterou a súa petición de aumentar a achega provincial ata os 6,5 millóns de euros:
“Pídolles un aumento exiguo, só da inflación. Non lles pido máis diñeiro, pero agora mesmo a Vigo dedícaselle menos en termos de capacidade de compra”, concluíu.