Caballero pide ao Goberno de España que inclúa Vigo no plan AV350

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, exixe ao Goberno estatal que restitúa a conexión directa de alta velocidade Vigo–Madrid por Cerdedo no plan AV350, e adianta a celebración dun concerto reivindicativo para visibilizar a demanda da cidade
Alta Velocidade Vigo
20 Nov 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou este mércores ao Goberno de España de “quitar a Vigo do mapa da alta velocidade”, ao deixar fóra do plan AV350 a conexión directa Vigo–Madrid por Cerdedo. “Reclámoo exactamente igual que sempre, porque é a gran prioridade desta cidade e téñeno que restituír de forma inmediata”, afirmou.

Caballero lembrou que comezou a defender esta infraestrutura durante o mandato de Zapatero, cando a conexión chegou a contar coa declaración de impacto ambiental resolta. Posteriormente, co Goberno de Rajoy, denunciou que “pararon todo e deixaron caducar a declaración”, o que provocou que Vigo desaparecese dos plans de alta velocidade. Xa con Pedro Sánchez, explicou, retomáronse os estudos hidroxeolóxicos e os traballos técnicos necesarios.

O rexedor insistiu en que a conexión directa por Cerdedo “estaba e está negociada e acordada co Ministerio de Transportes” e criticou que, con todo, non figure agora no plan AV350. Por este motivo, anunciou un concerto reivindicativo co obxectivo de reclamar a reposición de Vigo no mapa da alta velocidade española.

Caballero tamén mostrou o seu rexeitamento á “vergoñenta volta de 100 km por Santiago” que obriga aos trens a realizar o traxecto actual, unha desviación que, segundo apuntou, supón “case 50 minutos máis desde que o tren sae de Vigo”.

⚙ Configurar cookies
0.36418795585632