Cano levará o 'Anais Tour' ao Coliseum en 2027

O artista madrileño ofrecerá o 29 de maio a única parada galega dunha xira estatal limitada a dez concertos
A CORUÑA concierto cano
14 May 2026

O Coliseum da Coruña suma unha nova cita á súa programación musical de 2027. Cano actuará no recinto municipal o 29 de maio do próximo ano dentro do seu novo espectáculo, 'Anais Tour', unha xira deseñada para grandes recintos e que contará só con dez paradas en todo o Estado. A da Coruña será a única data prevista en Galicia.

As entradas para o concerto poñeranse á venda o mércores 20 de maio ás 20.00 horas nos puntos habituais. O anuncio chega despois da confirmación doutro concerto destacado no calendario do Coliseum, o de Sergio Dalma, co que o recinto comeza a perfilar con antelación a súa axenda musical para 2027.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que o Goberno de Inés Rey traballa 'a longo prazo' para atraer á cidade grandes xiras nacionais. O edil enmarcou esta nova confirmación na aposta por unha programación 'variada e de calidade' no Coliseum e por reforzar o papel da Coruña como capital cultural galega.

Cano chega a esta nova etapa tras consolidarse como unha das voces da música urbana estatal. A súa proposta mestura flamenco, pop urbano e ritmos latinos, unha fórmula coa que foi ampliando unha comunidade de seguidores en constante crecemento desde a súa irrupción na escena musical sendo aínda adolescente.

A súa anterior xira, 'Triana Tour', supuxo un salto importante na súa carreira, con máis de 73.000 entradas vendidas e dúas noites consecutivas con localidades esgotadas no Movistar Arena de Madrid. Agora, o artista prepara un novo formato para recintos de maior capacidade coa vista posta en 2027.

0.30327391624451