Carlos Amiama toma posesión como novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en Lugo

Carlos Amiama Ares tomou posesión como novo director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no Campus de Lugo. O profesor substitúe no cargo a Rosa Romero, que se despediu da dirección tras converterse na primeira muller en asumir esta responsabilidade na historia do centro.
Durante o acto, Amiama sinalou como principal obxectivo do seu mandato consolidar a EPSE como "unha escola de referencia, aberta, esixente, innovadora e profundamente conectada coa sociedade". Na súa intervención, destacou que a evolución da sociedade obriga a que a formación universitaria vaia máis alá dos coñecementos técnicos e proporcione ao alumnado "criterio, capacidade de aprendizaxe, creatividade, cultura científica e compromiso ético".
O novo director reivindicou tamén o papel da Escola ante algúns dos principais desafíos actuais, como a xestión do territorio e dos recursos naturais, a adaptación ao cambio climático, a transición enerxética, a produción sostible, a economía circular, as infraestruturas, a robótica ou a dixitalización da industria.
Neste sentido, Amiama apuntou que estes retos esixen unha visión global e a colaboración entre diferentes áreas de coñecemento. Así, destacou as sinerxías que se están a crear na EPSE entre ámbitos como a robótica e a agricultura de precisión, a enxeñaría civil, a paisaxe e a sustentabilidade, a intelixencia artificial aplicada á xestión territorial ou a investigación forestal ligada á tecnoloxía e á economía circular.
O profesor tamén puxo en valor a integración da escola no Campus Terra, que considera unha oportunidade para reforzar o seu papel como referente científico e social nos ámbitos relacionados coa sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da terra. "A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría debe ser unha peza esencial do Campus Terra e un socio estratéxico para Lugo e para Galicia", afirmou.
Infraestruturas, financiamento e formación dual
Entre os retos aos que terá que facer fronte a nova dirección figuran as necesidades de infraestruturas e financiamento, a remuda xeracional e a adaptación da oferta formativa ás novas demandas sociais e profesionais.
Amiama sinalou ademais a progresiva implantación da formación dual como un dos principais fitos dos próximos anos. O seu mandato estará marcado tamén pola colaboración coas administracións públicas, o sector agroforestal, as empresas, os colexios profesionais, os centros tecnolóxicos e de investigación e o conxunto da sociedade.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, presidiu o acto e lembrou a evolución da escola desde a súa creación, inicialmente orientada á formación de persoal técnico para contribuír á modernización do campo galego. Na actualidade, a EPSE ofrece formación en ámbitos como o agroforestal, a robótica, a paisaxe e a enxeñaría civil.
"Poucos centros desta Universidade reflicten, coma este, o que significa evolucionar sen perder a propia identidade", destacou Crujeiras, quen engadiu que a evolución da escola acompañou o crecemento da provincia e contribuíu a consolidar a identidade do Campus de Lugo.
Carlos Amiama é enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro agrónomo pola USC, universidade pola que tamén obtivo o doutoramento en Enxeñaría Agrónoma. Desenvolveu inicialmente a súa carreira profesional no ámbito da consultoría e da enxeñaría proxectista e incorporouse á docencia universitaria en 2002 como profesor asociado. Desde 2009 traballa a tempo completo na USC e desde 2020 é profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría.
A despedida de Rosa Romero
Rosa Romero pechou a súa etapa á fronte da EPSE cunha intervención marcada pola emoción. A profesora destacou o simbolismo de despedirse da dirección no pavillón dedicado á muller rural, un espazo que representa, ao seu xuízo, o compromiso da escola coa visibilización do papel das mulleres e coa igualdade.
Romero agradeceu o traballo e o apoio das persoas coas que compartiu os anos á fronte do centro e trasladou os seus mellores desexos ao novo director e ao equipo que o acompañará nesta nova etapa.
A Deputación achega 370.500 euros á USC
No acto tamén participou o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, quen felicitou Amiama e lle desexou sorte no seu novo cargo.
Fernández Méndez aproveitou para poñer en valor o convenio de colaboración entre a Deputación e a USC, a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á universidade. Segundo explicou, esta colaboración inclúe actuacións para reforzar os centros de investigación, impulsar a divulgación científica, mellorar o Campus de Lugo e apoiar a formación práctica e a promoción das titulacións universitarias.
O convenio contempla tamén o apoio a iniciativas como Xuvenciencia, actividades de transferencia de coñecemento, accións de promoción das titulacións do Campus, actividades no Museo Domus do Mitreo e prácticas na Granxa Gayoso Castro.