Carme da Silva chama ás feministas galegas a votar con orgullo ao BNG o 29N

O Bloque salienta a necesidade de máis recursos para loitar contra a violencia machista e medidas adaptadas á realidade galega
cafe-feminista-carme-da-silva-pontevedra
25 Nov 2026

“Este 29N as feministas galegas votaremos con orgullo do que somos: desde Rosalía, todas, absolutamente todas as mulleres, estaremos xuntas o 29 de novembro para votar polo BNG, para que o feminismo galego teña unha voz forte que nos represente nas Cortes e que loite polos nosos dereitos para seguir avanzando”. Así chamou hoxe ao voto ao Bloque a cabeza de lista Carme da Silva, poñendo sobre a mesa a necesidade de máis recursos para loitar contra a violencia machista e de políticas e medidas adaptadas á realidade galega.

Carme da Silva subliñou que a loita contra a violencia machista ten que ser unha prioridade que precisa de recursos. Denunciou que non é de recibo destinar 35.000 millóns de euros ao gasto militar en 2026 fronte aos apenas 180 millóns de euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Por iso, reclamou máis financiamento para este pacto e cuestionou que os recursos destinados ao conxunto dos concellos do Estado ascendan unicamente a 40 millóns de euros. “A cantidade é tan ridícula que ao Concello de Pontevedra lle corresponden 29.000 euros, 29.000 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero só para o Concello de Pontevedra”, exemplificou, nun encontro con traballadoras do CIM da capital do Lérez, coa concelleira Anabel Gulías e a ex concelleira Carmen Fouces.

A candidata nacionalista esixiu tamén que os centros de crise 24 horas para atender as vítimas de violencia sexual sexan públicos e se adapten á realidade galega. Considerou insuficiente que a lexislación estatal estableza un centro por provincia, unha distribución que non ten en conta as características territoriais de Galiza e que obriga moitas mulleres a desprazarse longas distancias para recibiren atención. Reclamou, por isto, cando menos un servizo por área sanitaria e que a súa xestión non estea privatizada, como acontece no país.

Da Silva demandou igualmente unha lexislación que contemple todas as formas de violencia machista, conforme aos criterios do Convenio de Istambul, así como que saian adiante a lei contra a violencia vicaria e a lei de trata, que permanecen pendentes. Defendeu que a protección das mulleres debe contar con ferramentas legais que respondan a todas as formas de violencia e garantan unha atención integral ás vítimas.

A representante do BNG reclamou, ademais, que o sistema VioGén garanta a cobertura e a protección efectiva de todas as mulleres, vivan onde vivan, tamén no rural e nas zonas transfronteirizas. Alertou de que a falta de cobertura en determinadas zonas pode provocar que os dispositivos de protección non funcionen.

Amais, Carme da Silva puxo en valor o papel do feminismo galego na conquista de dereitos e lembrou que Galiza contou con lexislación pioneira no Estado grazas ao impulso do BNG, que desde as responsabilidades de goberno na Xunta promoveu a Lei de 2007 de prevención e protección integral contra a violencia de xénero, que incluía todas as formas de violencia machista, fronte ao marco estatal daquela, e que incorporou tamén a violencia vicaria. “O feminismo galego sempre estivo na vangarda do Estado e grazas a ese impulso Galiza ten lexislación que é pioneira”, destacou, defendendo que esa capacidade de avanzar en dereitos debe continuar.

A candidata nacionalista advertiu de que as mulleres galegas non aceptarán retrocesos nin a involución de quen pretende cuestionar os dereitos conquistados. “Coñecemos moi ben cal é a política do señor Núñez Feijóo. Sabemos o que fixo tan pronto chegou á presidencia da Xunta: o primeiro que fixo foi atacar o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, a decidir sobre a súa maternidade, apoiando por lei e protexendo por lei a Red Madre, unha fundación antiabortista. O seguinte que fixo foi reducir as axudas ás mulleres vítimas da violencia machista en plena crise”, lembrou. “Xa sabemos quen é Núñez Feijóo e o feminismo galego, o BNG, impedirá que haxa retrocesos”, sentenzou.

Ante todo isto, Da Silva chamou a mobilizarse o 29N e votar polo Bloque Nacionalista Galego para que o feminismo galego teña unha voz forte e propia nas Cortes, capaz de defender os dereitos das mulleres e esixir avances. “As mulleres galegas non estamos dispostas a retroceder, queremos seguir avanzando. Esixiremos lexislación adecuada, esixiremos recursos económicos, porque recursos económicos é o que se precisa para demostrar que a loita contra a violencia machista é unha prioridade”, afirmou.

0.54342103004456