Carme da Silva reclama máis peso do BNG en Madrid para representar a voz das mariscadoras galegas

A candidata mantivo un encontro con profesionais do mar en Moaña, que atravesan un momento crítico pola falta de produtividade e de resposta das administracións
carmen-silva-mariscadoras-moana
4 Nov 2026

“En Madrid, a 600 km de Moaña, queren comer marisco galego, pero abandonan ás mulleres que cada día loitan por manter a súa actividade. Desde o BNG non aceptamos que o marisqueo tradicional das rías galegas acabe sendo unha sección dun museo etnográfico ou unha actividade dun parque temático. Para poder vivir do noso mar con dignidade precisamos máis peso político e iso acádase con máis forza do BNG”, así de contundente se amosou hoxe en Moaña a candidata do Bloque ao Congreso Carme da Silva nun encontro con mariscadoras do fondo da ría de Vigo.

Acompañada do cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Senado, Kevin González, o deputado no Parlamento Galego Paulo Ríos ‘Kai’, a alcaldesa de Moaña Leticia Santos, o alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo, e a voceira do BNG no Concello de Vilaboa, Cristina González, entre outros cargos orgánicos e institucionais do Bloque, Da Silva analizou a situación que atravesa o sector e coñeceu de primeira man os problemas que afrontan no exercicio da súa actividade, xa coñecidos e denunciados en numerosas ocasión pola formación nacionalista en todos os foros políticos nos que está presente.

A candidata fixo fincapé no abandono que sofren as mariscadoras por parte das dúas administracións con competencias: a Xunta e o Estado. Reclamou que o executivo central cumpra o compromiso de eximir as mariscadoras do pagamento das cotas á Seguridade Social durante os períodos nos que non poden traballar, mantendo ese tempo como cotizado e todos os seus dereitos laborais. “Non chega con deixar de pagar as cotas se iso supón perder tempo de cotización e prexudicar as súas futuras prestacións”, dixo.

Advertiu de que o BNG non vai aceptar que o marisqueo tradicional das rías galegas acabe sendo unha sección dun museo etnográfico ou unha actividade dun parque temático “mentres o marisco galego desaparece das lonxas e o de fóra invade os supermercados”.

Subliñou que en Madrid queren comer marisco galego, pero abandonan coas súas decisións ás mulleres que cada día “deixan o seu lombo para poder manter o seu traballo”, lembrando que os paros polos temporais están sen remunerar, a exención de cotas non chega: “Todo reae sobre as mariscadoras”, dixo.

Por iso, para Da Silva, o que está en xogo o vindeiro 29N non é só o futuro dunha actividade económica, senón tamén o mantemento dun oficio ligado ao país. “Para poder vivir do noso mar con dignidade precisamos máis peso político. Precisamos que Galiza, que o BNG, teña máis peso político despois do 29N para facer valer nas Cortes a voz das nosas mariscadoras”, subliñou.

No referido á Xunta, Da Silva salientou que o PP está a actuar tarde deixando nas mans das propias traballadoras tarefas que lle corresponden ao goberno galego, como a limpeza, a rexeneración e a vixilancia das praias. Subliñou que a situación é especialmente difícil para as mulleres que están acollidas ao convenio coa Xunta, que teñen que realizar traballos de rexeneración e vixilancia sen unha remuneración suficiente e asumir, ademais, as cotas á Seguridade Social, os desprazamentos e o material necesario. “Os ingresos que lles quedan despois de afrontar todos estes gastos son moi reducidos, malia estar realizando tarefas imprescindibles para recuperar e coidar as praias”, insistiu.

A candidata lembrou que o marisqueo, tanto a pé como a flote, é unha actividade de enorme importancia económica, social e cultural no país. Neste sentido, sinalou que arredor de 3.000 mulleres traballan no marisqueo a pé na Galiza e que o conxunto do sector, incluíndo o marisqueo a flote, suma unhas 7.000 persoas.

0.32135391235352