Carmela López reivindica a proxección internacional da Ribeira Sacra na fase final da candidatura a Patrimonio Mundial

Carmela López reivindica a proxección internacional da Ribeira Sacra na fase final da candidatura a Patrimonio Mundial
A presidenta da Deputación de Lugo participou no Mosteiro de Santo Estevo nun foro sobre o futuro do territorio no que se puxo en valor a identidade e o potencial da comarca
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este mércores no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, na apertura do foro “Ribeira Sacra: patrimonio con futuro”, organizado polos xornais El Progreso e La Región co patrocinio da institución provincial.
O encontro reuniu representantes institucionais e persoas expertas vinculadas ao territorio para abordar diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento económico, o turismo, a paisaxe e o produto local.
Durante a súa intervención, López situou o momento actual como clave no proceso de avaliación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO, que deberá pronunciarse nas vindeiras semanas. Neste contexto, afirmou que “estamos ás portas dunha decisión que pode marcar o futuro desta comarca. En poucas semanas a UNESCO avaliará a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e estou convencido de que poucos territorios reúnen tantos valores culturais, paisaxísticos e humanos coma este”.
A responsable provincial destacou tamén a singularidade da zona e a súa capacidade de manter a súa esencia ao longo do tempo, sinalando que “aquí hai unha forma de vivir e de entender o territorio que conseguiu chegar ata hoxe sen perder autenticidade, e aí reside, precisamente, a verdadeira grandeza da Ribeira Sacra”. Engadiu ademais que o territorio “merece ser defendida, protexida e proxectada ao mundo como un dos grandes territorios culturais e paisaxísticos de Europa”.
López incidiu igualmente no papel da Deputación de Lugo no impulso da candidatura, ao que cualificou como un compromiso continuado, e afirmou que a institución sente un “orgullo especial por formar parte deste camiño porque esta institución foi unha das grandes abandeiradas da candidatura nun momento no que este recoñecemento parecía afastado”.
O foro incluíu ao longo da mañá dúas mesas de debate centradas no emprendemento no territorio, o turismo, o patrimonio vivo, a natureza e o produto local, coa participación de profesionais e proxectos vinculados á comarca.