Carmen Álvarez e Ángel Carracedo recollen os Premios Nacionais de Investigación

O catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo e a catedrática e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) Carmen Álvarez recolleron este martes 27, en Vitoria-Gasteiz, os seus respectivos Premios Nacionais de Investigación outorgados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e dotados con 30.000 euros cada un. O acto presidido polo rei Felipe VI contou coa presenza da reitora da USC, Rosa M. Crujeiras.
Ao profesor Carracedo, Premio Nacional de Investigación Gregorio Marañón na área de Medicina e Ciencias da Saúde, recoñéceselle a súa destacada traxectoria no ámbito da medicina forense e a xenómica, mentres que o Premio Nacional de Investigación Blas Cabrera na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra concedéuselle a Carmen Álvarez pola súa traxectoria investigadora no eido da ciencia dos materiais biomédicos.
O acto comezou coa proxección dunha peza audiovisual sobre o persoal investigador premiado nos seus respectivos laboratorios. O profesor Carracedo falou sobre a importancia da divulgación e de como o persoal científico “debe esforzarse por comunicar o que fai” xa que o vínculo entre ciencia e sociedade é crucial. Pola súa parte, a profesora Álvarez puxo o foco na “curiosidade e na perseveranza”. Para a catedrática, “escoitar” outras perspectivas, saber como se traballa noutros ámbitos, favorece a colaboración entre distintos ámbitos do coñecemento e ese tamén debe ser un dos obxectivos centrais para a ciencia.
Estes premios recoñecen o mérito daquelas persoas investigadoras españolas cunha destacada traxectoria científica, pero para a ministra, Diana Morant, "tamén poñen de manifesto a fortaleza do sistema público de ciencia, que impulsa o talento, fomenta a excelencia e sitúa España entre os países que lideran a investigación internacional”.
Carmen Álvarez
Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) é medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, da Real Academia de Ciencias de Galicia. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, ademais de académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Conta con máis de dúas décadas de investigación posdoutoral en institucións como o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e en colaboración con industrias. O seu traballo sitúase na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica, e deu lugar a unha ampla variedade de sistemas de administración de fármacos nas escalas macro, micro e nano, a produtos de combinación fármaco-produto sanitario e a scaffolds para medicina rexenerativa. As súas achegas recóllense en máis de 300 artigos en revistas indexadas, decenas de capítulos de libros, obras en co-edición, centos de comunicacións a congresos e unha vintena de patentes, algunhas delas estendidas a outros países europeos, USA e Xapón.
Ángel Carracedo
Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) e é un dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións, pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas. As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito. No ano 1994 convértese en director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.
Entre outros cargos, Ángel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores e investigadoras e, neste sentido, cómpre destacar que dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento que son tamén referencia de investigación no ámbito médico e científico.
O Premio Galicia de Investigación, o Nóvoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria.