CarOutlet Lugo celebra o seu 15º aniversario cunha nova edición do 5 ao 7 de xuño

CarOutlet Lugo volverá converterse do 5 ao 7 de xuño en punto de encontro do sector do automóbil na cidade de Lugo cunha nova edición que celebra ademais o seu 15º aniversario e que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Durante tres xornadas, o recinto feiral lucense transformarase nun gran escaparate do vehículo de ocasión e km 0, reunindo máis de 400 vehículos e unha ampla oferta para aquelas persoas que estean a pensar en cambiar de coche con todas as garantías e nun mesmo espazo.
A feira ocupará un total de 9.000 metros cadrados de exposición, consolidándose como a maior mostra de vehículos de ocasión e km 0 da provincia de Lugo. O horario de apertura será o venres e o sábado de 11.00 a 20.30 horas, mentres que o domingo poderá visitarse de 11.00 a 20.00 horas.
CarOutlet Lugo ofrecerá así a posibilidade de coñecer de primeira man unha ampla variedade de modelos, comparar prezos e prestacións e recibir asesoramento directo durante toda a feira, converténdose unha vez máis nun punto de encontro de referencia para o sector e para todas aquelas persoas interesadas en atopar vehículo.
Desde a organización destacan que esta edición especial de xuño supón unha oportunidade engadida para dinamizar o mercado do automóbil nun momento estratéxico do ano e lembran ademais que esta cita non substitúe á edición tradicional de novembro, que volverá celebrarse tamén este ano como vén sendo habitual.
As persoas organizadoras confían en que esta convocatoria teña unha gran acollida e contribúa a impulsar as vendas no sector nun contexto no que as transferencias de vehículos de ocasión en Galicia rexistraron durante o primeiro trimestre de 2026 un descenso de entre o 5% e o 5,5% respecto ao mesmo período do ano anterior.
Neste sentido, sinalan que esta edición de xuño nace co obxectivo de ofrecer ao público unha oportunidade moi atractiva nunha época do ano favorable para a compra e de apoiar tamén aos concesionarios participantes, presentando ofertas e prezos especiais pensados para incentivar as vendas e facilitar que as persoas visitantes poidan atopar o vehículo que buscan nas mellores condicións posibles.