Case un millón de euros para renovar por completo as redes e as beirarrúas da Almuzara en Boborás

Boborás contará cun investimento próximo ao millón de euros para levar a cabo unha renovación integral das infraestruturas da travesía da Almuzara. En concreto, o proxecto suporá un desembolso de 960.845,29 euros, dos que o 80 % (768.676,23 euros) corresponderá a Augas de Galicia, mentres que o 20 % restante (192.169,06 euros) será asumido polo Concello, co respaldo económico da Deputación de Ourense.
O convenio entre o Concello e Augas de Galicia, asinado este verán, contempla a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais, ademais da construción e reposición das beirarrúas nesta zona. Os traballos incluirán tamén a renovación das acometidas, a mellora da accesibilidade e dos pavimentos, así como das canalizacións destinadas ao alumeado público, ás telecomunicacións e á rede eléctrica.
Na contorna do Pazo da Almuzara, as beirarrúas executaranse en granito, buscando unha solución que respecte o valor patrimonial do lugar.
Trátase dunha actuación considerada moi necesaria, xa que virá substituír unhas infraestruturas con máis de 50 anos de antigüidade, que na actualidade presentan problemas de fugas, roturas e deficiencias no saneamento, ademais de careceren dunha rede independente para as augas pluviais.
Dende o goberno local destacan que o apoio de Augas de Galicia e da Deputación de Ourense permite afrontar un investimento desta magnitude nun concello de reducidas dimensións como Boborás.
O seguinte paso será a licitación das obras, para as que se prevé un prazo de execución de 15 meses.