Castelao, a emigración e Antonio Mingote protagonizan as exposicións itinerantes de Afundación este outono

Ribadavia, Ares, A Estrada, O Grove, Vilar de Barrio, Teo, Xinzo de Limia, A Rúa, Zas e Tui acollerán nos próximos meses as mostras de «Corrente Cultural»
Castelao
10 Aug 2026

Máis de 143.000 persoas visitaron xa este ano as exposicións itinerantes da Obra Social de ABANCA, que continuarán percorrendo Galicia durante os próximos meses. Ribadavia, Ares, A Estrada, O Grove, Vilar de Barrio, Teo, Xinzo de Limia, A Rúa, Zas e Tui serán as seguintes localidades que recibirán as propostas de «Corrente Cultural», iniciativa impulsada por Afundación en colaboración con ABANCA e os concellos.

As exposicións achegarán a estes municipios propostas centradas, entre outros temas, na obra gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na emigración galega a través do arquivo fotográfico da Axencia EFE e no humor gráfico de Antonio Mingote. A programación tamén inclúe mostras sobre fotografía de natureza e especies da contorna e sobre as imaxes máis divertidas do Premio Comedy Wildlife Photo.

O proxecto de «Corrente Cultural» busca ampliar os circuítos expositivos máis aló das sedes de Afundación e levar as súas propostas a localidades de tamaño intermedio de toda Galicia. Ao finalizar 2026, a iniciativa terá pasado por 38 municipios, que representan o 10 % da poboación galega.

Esta programación itinerante complementa a rede fixa de Afundación, formada por 11 salas de exposicións propias situadas nas principais cidades galegas.

A exposición «Castelao grafista (facsímile)», dedicada á faceta gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, poderá visitarse en Camariñas ata o 30 de agosto. Posteriormente chegará á Estrada, onde estará do 3 de setembro ao 10 de outubro; a Teo, do 9 de outubro ao 13 de novembro; e finalmente a Zas, do 19 de novembro ao 26 de decembro.

A mostra reúne nove facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos cales 49 forman parte da Colección de Arte ABANCA. O percorrido complétase con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares.

Pola súa banda, «Comedy Wildlife» chegará a Ribadavia na súa versión de rúa o 19 de agosto e permanecerá na localidade ata o 13 de setembro. A exposición reúne unha selección das fotografías máis destacadas e divertidas do Premio Comedy Wildlife Photo correspondentes ao período comprendido entre 2015 e 2025.

Ares acollerá entre o 21 de agosto e o 18 de setembro «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX». A exposición recompila 40 imaxes que permiten achegarse á realidade da emigración galega durante o pasado século.

No Grove, do 15 de setembro ao 12 de outubro, poderá visitarse «Arte & Humor. O enxeño de Antonio Mingote», dedicada á obra dun dos grandes referentes do humor gráfico español. A mostra continuará en Xinzo de Limia, do 21 de outubro ao 27 de novembro, e pechará o ano en Tui, onde estará desde o 3 de decembro ata o 9 de xaneiro.

Outra das propostas será «Fauna Esencial», que ofrece un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da contorna natural. A exposición instalarase en Vilar de Barrio do 16 de setembro ao 20 de outubro e posteriormente trasladarase á Rúa, onde permanecerá do 28 de outubro ao 26 de novembro.

Afundación sitúa «Corrente Cultural» no compromiso de achegar a arte e a cultura ao conxunto da sociedade e na consideración de ambas como elementos necesarios para favorecer o coñecemento e o desenvolvemento social.

0.34057092666626