CCOO acusa a Correos de improvisación na regularización de migrantes e pide reforzos do 30 %

O sindicato CCOO acusou a Correos de actuar con “improvisación” na posta en marcha do proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes e reclamou un reforzo urxente do persoal de, polo menos, un 30 %.
A organización sindical apoia esta medida polo seu impacto social positivo, ao considerar que contribúe a ordenar o mercado laboral, aflorar economía somerxida, reforzar as cotizacións á Seguridade Social e garantir dereitos ás persoas migrantes. Porén, critica que a execución por parte da empresa “non está á altura” da importancia do proceso.
No caso da provincia de Pontevedra, CCOO denuncia que só se habilitaron dúas oficinas —as principais de Pontevedra e Vigo— con atención en quenda de mañá e tarde, o que está a provocar unha elevada sobrecarga de traballo no persoal, que debe compatibilizar esta tarefa coa actividade habitual.
O sindicato considera que a empresa desaproveitou a súa rede pública de máis de 2.300 oficinas en todo o Estado, limitando o despregamento a arredor de 350 oficinas en quenda de mañá e 329 en quenda de tarde. Segundo CCOO, isto dificulta o acceso ao servizo e afasta a atención das persoas que máis a necesitan.
Ademais, sinala que o proceso comezou “tarde, mal e con opacidade”, sen a planificación necesaria e con carencias tanto en recursos humanos como técnicos. Entre os problemas detectados, destacan a falta de persoal suficiente, formación deficiente e o uso de sistemas complexos sen a preparación axeitada.
Neste contexto, CCOO esixe un incremento inmediato do persoal de apoio de, como mínimo, un 30 %, así como a corrección das deficiencias detectadas e unha mellora dos medios técnicos e organizativos.
O sindicato tamén alerta de erros na información facilitada ás persoas usuarias, con incongruencias nos prazos e requisitos que poden afectar directamente á tramitación e aos dereitos das persoas migrantes.
A pesar destas dificultades, CCOO destaca o papel do persoal de Correos, que está a manter o funcionamento do servizo grazas ao seu esforzo e profesionalidade.
Finalmente, a organización reclama á dirección da empresa unha reunión urxente para reconducir o proceso e garantir unha prestación adecuada dun servizo público “que require planificación, medios e respecto”.